O Parque Infantil de Nadal impulsado e habilitado pola Asociación Boirense de Empresas (ABE), converteuse xa nun dos grandes atractivos do Nadal en Boiro tras o éxito das súas dúas primeiras xornadas, celebradas os días 22 e 23 de decembro no Polideportivo da Cachada, cunha afluencia total de máis de 5.000 persoas.
Na primeira xornada do parque, o luns 22 de decembro, rexistrouse a asistencia de máis de 2.000 persoas. Durante a tarde repartíronse 500 chocolates con biscoito e 461 bolsas de flocos de millo, contabilizáronse 750 accesos aos inchábeis e os obradoiros creativos acadaron o 100% de ocupación. Estes talleres de carácter interxeracional, foron impartidos por AGADEA, cunha excelente acollida por parte do público, segundo destacaron dende a ABE.

O martes 23 de decembro, segunda xornada do parque, a afluencia superou as 3.000 persoas, consolidando o éxito da iniciativa. Repartíronse 428 bolsas de flocos, rexistráronse máis de 1.100 accesos aos inchábeis e 500 nenos e nenas recibiron un cono de lambonadas e máis de 600 crianzas participaron na gran recepción con Papá Noel, facendo fotografías e gozando dunha das actividades máis agardadas do Nadal. Os talleres, impartidos nesta ocasión por Cruz Vermella, volveron completar o 100% das prazas dispoñíbeis.

Desde a ABE destacouse “moi positivamente” a resposta da veciñanza e das familias, así como o valor do Parque Infantil como espazo de encontro, lecer familiar e dinamización comercial. A entidade lembra que “o acceso ao parque é gratuíto e que moitas actividades son de acceso libre, mentres que para participar nas degustacións e acceder aos inchábeis é preciso contar con convites que se poden obter nos negocios asociados á ABE ou no punto de información situado no propio parque, presentando tíckets ou facturas de compra”.

No que respecta ao sorteo presencial de 3.000 € en vales de compra, que se celebrará o sábado 3 de xaneiro, xa se levan cambiadas máis de 3.400 rifas. Ademais, as persoas que participan no troco están a recibir agasallos directos, esgotándose xa os 300 calendarios e gran parte das 400 bolsas da edición especial de Nadal da ABE.

A Asociación Boirense de Empresas lembra que o Parque Infantil de Nadal volverá abrir as súas portas os días 2 e 3 de xaneiro, con novas actividades, inchables, animación e o sorteo final, e anima a toda a veciñanza a seguir participando “nesta iniciativa que busca consolidarse como unha das citas máis importantes do Nadal en Boiro, reforzando o comercio local e ofrecendo unha programación familiar, inclusiva e segura”, informou a asociación.
Para máis información, pódese consultar a web da ABE en www.abe.gal ou acudir ao punto de información do parque.



