A sala de exposicións municipal da Casa da Cultura de Lousame acollerá, do 20 de decembro ao 28 de febreiro, a mostra Obra recente: Contrastes + vieiros do artista José Luís Veiras Manteiga, residente na parroquia de Camboño e nomeado fillo adoptivo do Concello de Lousame o pasado mes de agosto.

Unha exposición que será inaugurada mañá sábado 20 de decembro, ás 11:00 horas, polo propio artista, quen estará acompañado polo alcalde lousamiá, Esteban Ares García, e polo director do Museo de Artes do Gravado de Ribeira, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría.

A mostra está composta por un total de 34 cadros, algúns dos cales xa formaron parte doutras exposicións nos anos 2023 e 2024 mentres que o resto conforman unha nova serie caracterizada pola cor e que non foron presentadas con anterioridade.




