ACEM conmemora este xoves 18, o Día Nacional da Esclerose Múltiple con actividades de sensibilización e un encontro solidario en Santiago

17 Decembro 2025

A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas (ACEM) conmemora este 18 de decembro, o Día Nacional da Esclerose Múltiple cun programa de actividades dirixidas a sensibilizar á sociedade sobre a realidade das persoas que conviven con esta enfermidade e a dar a coñecer o labor sociosanitario que desenvolve a entidade.

Durante a mañá, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ACEM instalará unha mesa de sensibilización no Hospital Clínico Universitario de Santiago, na que se ofrecerá información sobre a esclerose múltiple e os servizos que presta ás persoas afectadas e ás súas familias. Neste espazo tamén se visibilizará a campaña solidaria «Un euro marca a diferenza», impulsada pola Fundación Mupol e a Comisaría da Policía Nacional de Santiago a favor da asociación.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, ACEM celebrará un Encontro Solidario de Nadal aberto a toda a cidadanía na explanada exterior do seu Centro de Rehabilitación Integral, situado na rúa Queixume dos Pinos, 4, en Salgueiriños. O evento contará con chocolatada, doces, panxoliñas, un pequeno mercadiño e unha iluminación especial de Nadal preparada por Iluminacións Santiaguesas e Novoneón Rótulos.

Ademais, durante estas festas do Nadal, o restaurante e tenda gourmet Costiña colabora con ACEM coa venda solidaria da última creación do chef Manuel Costiña, os novos bombóns de pistacho, un detalle solidario e exquisito co que sorprender nestas datas.

A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica, autoinmune, desmielinizante e neurodexenerativa do sistema nervioso central que afecta a máis de 55.000 persoas en España, das cales arredor de 4.500 viven en Galicia. Adoita diagnosticarse entre os 20 e os 40 anos, aínda que tamén pode aparecer en menores de idade. Entre os síntomas máis habituais figuran a fatiga, os problemas de visión, os formigueos, os mareos, a debilidade muscular ou as dificultades de equilibrio e coordinación, ademais doutros menos visibles, como o deterioro cognitivo, a ansiedade, a depresión ou a dor, que teñen un impacto significativo na calidade de vida.

Con motivo desta xornada, AEDEM-COCEMFE reclama a necesidade dunha financiación pública estable, xusta e sostible que garanta o futuro das asociacións de esclerose múltiple, fundamentais para ofrecer información, apoio psicolóxico, rehabilitación e un acompañamento integral ás persoas afectadas e ás súas familias.

ACEM é unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1995 e recoñecida como de Utilidade Pública no ano 2007. Este 2025 celebra 30 anos de traxectoria no ámbito da atención á discapacidade e á dependencia. A través do seu Centro de Rehabilitación Integral ofrece unha atención multidisciplinar e integral ás persoas con enfermidades neurodexenerativas, converténdose nun referente en Galicia.

ACEM pertence a COGAMI, FEGADEM, a AEDEM-COCEMFE, colabora con ADELA y AGAELA e entidade adherida á Federación Española de Párkinson.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.