Noia vai acoller este sábado a representación de Kyoki, un espectáculo sen palabras de Elefante Elegante pensado para público infantil e familiar, que aborda con sensibilidade temas como o esquecemento, a vellez e a soidade. Será este 29 de novembro ás 18.30 horas no Teatro Coliseo Noela. As entradas xa están dispoñíbeis en Ataquilla.com.
Kyoki é unha función para a rapazada de María Torres e Gonçalo Guerreiro (Elefante Elegante Teatro).
Kyoki é un espectáculo que xoga co significado do termo en xaponés, “demencia”, e que designa en termos xenéricos unha alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. Na peza de Elefante Elegante convídase ao público a reflexionar na teima de relacionar a demencia coas persoas idades, pero “quen nunca esqueceu onde colocou a caixa das galletas?” ou “quen non vestiu algunha vez o xersei do revés”?
Kyoki é unha ollada cómplice, reflexiva e sensíbel ás experiencias que viven tanto as persoas que precisan ser coidadas como as propias coidadoras. A familia, as institucións médicas e as institucións sociais están presentes nos tres personaxes interpretados pola actriz protagonista: a avoa, a súa filla e a doutora.




