O PSOE de Rianxo reclama corrixir o cobro erróneo da taxa de aproveitamentos especiais

22 Novembro 2025

O Grupo Municipal Socialista de Rianxo denunciou a persistencia dun erro na aplicación da taxa de aproveitamentos especiais do dominio público local, regulada pola Ordenanza Fiscal nº 12, en vigor desde 2012. Segundo os socialistas, o Concello continúa aplicando criterios que non figuran na norma, o que está a provocar confusión, inseguridade xurídica e desigualdade fiscal entre veciños e empresas.

O PSOE leva máis dun ano advertindo ao alcalde, Julián Bustelo, desta anomalía e presentou mocións, rogos e mesmo solicitou un pleno extraordinario para abordar a cuestión. Ademais, hai seis meses que pediu unha reunión formal co rexedor, que —aseguran— segue negándose a recibir ao grupo municipal.

O alcalde xustifica a súa postura alegando que debe aplicar a ordenanza, algo co que os socialistas coinciden, pero lembran que “o seu deber tamén é aplicala correctamente e actualizala cando é necesario”. O PSOE critica que a negativa do rexedor, avalada polo apoio do PP local, está a perxudicar directamente á veciñanza, que soporta un cobro indebido.

Os socialistas advirten de que, se non se actúa con urxencia, os contribuíntes poderían reclamar a devolución das cantidades abonadas nos últimos catro anos, conforme á Lei Xeral Tributaria, o que podería ter consecuencias económicas para as arcas municipais.

Neste sentido, o grupo está a analizar a situación cos seus servizos xurídicos para valorar posibles accións en defensa dos dereitos da cidadanía. Finalmente, reiteran a súa vontade de diálogo e de proposta, ofrecendo alternativas para resolver esta situación e garantir unha aplicación xusta da ordenanza.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.