Gran participación no Magosto Solidario coa Cruz Vermella do Concello de Lousame

10 Novembro 2025

A recuperación do Magosto de Lousame resultou finalmente un éxito de participación e repercusión, segundo confirmou o Concello. Cinco anos despois, o Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra acolleu un Magosto Solidario coa Cruz Vermella de Noia organizado polo Concello e no que tomaron parte medio milleiro de veciños e veciñas.

Todos eles fixeron entrega da peculiar “entrada” ao evento: a doazón de cando menos un produto de limpeza ou hixiene por persoa. A cambio desa doazón, as persoas adultas recibían dous vales, un por un cucurucho de castañas e outro por un chouripán; mentres que os nenos e nenas recibían un vale polas castañas e outro por un chocolate con churros, elaborado por Churrería Rafa.

O grupo local O Son do Pote foi o encargado de poñer a nota musical á xornada, onde os presentes se dividiron axiña en dous grupos ben diferenciados: nas gradas do polideportivo estaban as persoas adultas dando boa conta das castañas e do chouripán; mentres que a rapazada desfrutaba na pista polideportiva cos xogos dispoñíbeis: dende un xadrez e unhas damas xigantes ata outros máis tradicionais como os zancos, ademais doutros moitos xogos que os tiveron entretidos durante toda a xornada.

O evento estivo presidido pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen estivo acompañada por Loreto Rodríguez Coro, representante da Cruz Vermella de Noia; e polos concelleiros José Antonio Ces, Mariel Agrafojo e Yésica Fernández. Silvia Agrafojo agradeceu tanto “a gran solidariedade dos veciños e veciñas de Lousame” como “a extraordinaria colaboración das e dos traballadores dos distintos departamentos municipais, así como o noso voluntariado, sen cuxa colaboración non sería posible realizar eventos coma este”.

Contacontos

A próxima actividade programada polo Departamento de Cultura do Concello de Lousame é o contacontos O lobo feliz, de Miguel Guido e Olaya Naveira. Trátase dunha iniciativa dirixida a un público infantil, de entre 3 e 8 anos de idade, que terá lugar este venres 14 de novembro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame. A entrada é totalmente de balde, se ben é preciso reservar entrada en bandoticket.com.

O lobo feliz é un contacontos con música e moito humor que está baseado no libro do mesmo nome. En Lousame será narrado polo seu autor, Miguel Guido, quen durante 40 minutos falará sobre un tempo de lobos nos que buscan a felicidade ouveándolle á lúa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

Conté en comentarios anteriores la historia del italiano, Enzo Rossi, director de unafábrica de pasta, que en el año 2007 se asignó un sueldo de 1.000 euros al mes paraexperimentar en carne propia si era posible vivir con esa cantidad y comprobar así lascondiciones...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.