A Pobra do Caramiñal acolle a presentación do novo número da revista Foro Galicia e Valle-Inclán

30 Outubro 2025


Este xoves o auditorio da biblioteca municipal da Pobra do Caramiñal acolleu o acto público de presentación do novo número da revista FORO GALICIA E VALLE-INCLÁN. Publicación de estudos sobre Ramón del Valle-Inclán, editada pola entidade asociativa do mesmo nome que preside o investigador galego Xaquín del Valle-Inclán Alsina, neto do escritor e director editorial da publicación.

Foro Galicia e Valle-Inclán é un proxecto de carácter integrador que naceu co propósito de democratizar a investigación e o coñecemento arredor da vida, a obra e a xenialidade literaria de Ramón del Valle-Inclán, o autor galego máis internacional, con textos traducidos a máis de 35 idiomas. A revista procura ofrecer unha visión ampla do creador vilanovés, poñendo en valor a súa relación con Galicia e o seu diálogo coa cultura e as letras doutros países.

O sumario deste novo exemplar (Ano 2, número 2) inclúe traballos de investigación inéditos e ensaios de Víctor Viana e Ángel Varela —entre eles, As obras de Valle-Inclán en Rusia—, así como un estudo de Xaquín del Valle-Inclán titulado Valle-Inclán e o sindicalismo de autores.

A revista preséntase en edición bilingüe galego-castelán, co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e conta coa tradución ao galego da lingüista Rocío Viéitez Ferro.

O proxecto promove, ademais, actos públicos de difusión en distintas localidades galegas, co obxectivo de achegar o pensamento e o legado de Valle-Inclán á cidadanía máis aló dos ámbitos académicos. Este número xa foi presentado en Santiago de Compostela (Museo Fundación Eugenio Granell) e A Coruña (Casa Museo Casares Quiroga), e hoxe chega á Pobra do Caramiñal, no marco da 27ª edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán organizadas polo Museo Valle-Inclán de Cambados.

Están tamén previstas novas presentacións en Vigo, Ferrol e Ourense, cuxas datas se confirmarán nas vindeiras semanas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.