A Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores de Rianxo localizarase nunha parcela a carón do IES Félix Muriel

09 Outubro 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, participaron este xoves 9 de outubro nun encontro de seguimento do proxecto da futura Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) de Rianxo, que se levantará nunha parcela municipal de 8.000 metros cadrados situada a carón do IES Félix Muriel, na rúa Rianxiño. Trátase dun dos tres centros que integran o novo modelo público de atención ás persoas maiores impulsado pola Deputación, que aposta por “infraestruturas pequenas, humanas e integradas na comunidade”, sinalaron os responsábeis da institución.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que as CAM “rompen cos modelos tradicionais de residencias e poñen no centro ás persoas. Non queremos construír almacéns, senón fogares. Apostamos por un modelo máis humano, máis próximo e máis digno, que permita ás persoas maiores vivir nun entorno familiar, conservando os seus vínculos afectivos e a súa autonomía”, afirmou, engadindo que este proxecto “nace como experiencia piloto que pode servir de referencia para outras administracións con competencia nesta materia”, e agradeceu ao Concello de Rianxo “a colaboración, as facilidades e a prudencia coa que se tratou a información, nun momento en que moitos concellos da provincia aspiran a contar cun proxecto semellante”.

Pola súa banda, Bustelo destacou que este proxecto “supón un paso adiante na atención ás persoas maiores e na mellora dos servizos sociais do municipio e da comarca”. Subliñou ademais que “a Deputación decidiu que Rianxo fora unha das localidades escollidas para poñer en marcha este novo modelo de coidados, e estamos a traballar conxuntamente para facelo realidade canto antes”. Amosou a súa confianza en que “as prazas se cubrirán axiña, porque a demanda é moi alta e a Xunta mantén pechadas as portas a novas residencias públicas na nosa comarca”. “Grazas á Deputación abrimos unha nova vía para ofrecer unha atención máis próxima e humana aos nosos maiores”, engadiu.

Como dixemos, o proxecto da CAM de Rianxo desenvolverase nunha parcela de 8.000 metros cadrados, dos cales 5.300 serán edificábeis. O edificio organizarase en catro unidades convivenciais que, en conxunto, ofrecerán 59 prazas. “As unidades contarán con cociña salón e espazos comúns que reproducen o ambiente dun fogar, evitando a estrutura institucional e hospitalaria dos centros tradicionais”, explicaron, engadindo que “a accesibilidade e a integración co entorno serán elementos fundamentais do deseño, que incluirá xardíns, horta, zonas de convivencia e espazos abertos para a relación coas familias e coa comunidade”.

Entre os servizos previstos figuran atención médica xeriátrica, psicoloxía, traballo social, terapia ocupacional e fisioterapia, ademais de programas de estimulación cognitiva e actividade física. O centro incorporará tecnoloxía avanzada, con sensores de confort ambiental, sistemas de prevención de caídas, telemedicina e dispositivos intelixentes que mellorarán a seguridade e a personalización dos coidados.

A iniciativa forma parte do plan provincial da Deputación da Coruña para crear tres Casas de Acompañamento nas Pontes, Ordes e Rianxo, inspiradas nos modelos europeos de quinta xeración implantados en países como Dinamarca, Suecia ou os Países Baixos. Estes centros, máis pequenos e de proximidade, buscan evitar o desarraigo das persoas maiores e favorecer a súa integración na vida comunitaria.

Lembraorn que Galicia é unha das rexións máis avellentadas de Europa, cunha das ratios máis baixas de prazas públicas: “En Galicia fan falta arredor de 5.000 prazas novas para acadar a media estatal, o que amosa a magnitude do reto que hai por diante”.

O presidente provincial lembrou tamén que “hai máis de 4.000 persoas en lista de agarda e debemos actuar con responsabilidade, aínda que non teñamos a competencia directa, porque as persoas maiores merecen vivir con dignidade e coidados de calidade”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.