
O Consello Galego de Pesca, presidido pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, aprobou este venres un ditame no que rexeita a proposta do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 anunciada pola Comisión Europea. O documento, avalado por unanimidade polos integrantes deste órgano consultivo, considera que a iniciativa europea resulta lesiva e prexudicial para Galicia, ao diluír o peso do sector pesqueiro e poñer en risco os recursos destinados á primeira rexión pesqueira da UE.
A proposta da Comisión elimina o carácter específico do Fempa (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura), o que, segundo advertiu a conselleira, suporía menos fondos, invisibilidade en Europa e perda do carácter prioritario que ata agora tiña a actividade pesqueira. Ademais, deixa nas mans dos Estados membros os criterios de reparto, o que pode dificultar que Galicia manteña o seu actual nivel de financiamento.
Villaverde destacou que este ditame é froito da unidade de acción entre Administración e sector, tras a creación en agosto dun grupo de traballo para deseñar unha folla de ruta conxunta. Subliñou tamén que Galicia “segue marcando o rumbo” na defensa da pesca, lembrando que o Executivo estatal xa asumiu na súa totalidade as propostas presentadas pola Xunta no Consello Consultivo celebrado en setembro.
O proceso de negociación comunitaria prolongarase ata 2027, cando se prevé o peche definitivo do marco e a distribución dos fondos entre Estados membros. Neste punto, a conselleira advertiu de que será o Goberno de España quen teña que defender a proposta nacional e avalala, nun proceso que require a unanimidade de todos os países da UE.




