
O Concello de Dodro vai celebrar a súa Festa dos Maiores o vindeiro 20 de setembro, unha celebración para a cal, segundo confirmou o Consistorio, contará con servizo de autobús nas paradas habituais e para acceder ao recinto será necesario presentar o convite e o DNI.
A XXIV edición da Festa das Persoas Maiores de Dodro arrincará ás 13.30 horas coa misa solemne na Igrexa de Santa María de Dodro. Ás 14.15 horas será a benvida ao Pavillón de Deportes a cargo do grupo de Goberno, e logo, ás 14.30 horas, o saúdo do alcalde.
Ás 15.00 comezará o xantar e o recoñecemento ao home e á muller de maior idade asistentes á festa.
Ás 17.00 arrincará un espectáculo de humor a cargo de Avelino González, coa sesión Chistes que foron contos, encadrada na programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A partir das 18.00 horas comezará un baile coa actuación de José Manuel Domínguez, e ás 20.00 horas será o remate da festa.



