A auga volverá inundar as rúas da Pobra coa celebración dunha nova edición dos San Juerguines

07 Agosto 2025

Comeza a conta atrás para os San Juerguines 2025. Esta mañá presentouse de maneira oficial esta cita festiva, unha das más agardadas do verán, que se celebrará o vindeiro 16 de agosto cunha intensa xornada de actividades pensadas para todos os públicos.

Durante o acto de presentación, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, deu a coñecer os detalles dunha programación marcada pola música en directo e a tradicional Festa da Auga, un dos emblemas da programación das festas do Carme dos Pincheiros.

A edil agradeceu aos membros da organización o intenso traballo desenvolto ao longo do ano para facer posible unha festa que é unha das máis esperadas de todo o ano e que “non entende de idades. A xente ven a divertirse e acaba sentíndose parte dunha festa que xa é unha parte imprescindible da programación. Esa é a esencia que queremos manter e seguir potenciando cada ano”.

A programación ao completo

A xornada arrincará ás 13.30 horas cunha sesión vermú a cargo de Mekánica Rolling Band, ao remate terá lugar o xantar das peñas, que estará amenizado por DJ Quimba para animar o ambiente desde primeira hora.

Un dos momentos máis agardados chegará ás 16.30 horas coa Festa da Auga, unha celebración que cada ano reúne a centos de persoas dispostas a mollarse nunha gran batalla acuática que percorre as rúas do centro urbano.

A programación continuará coas Olimpíadas Pincheiras ás 18:00 horas, unha divertida competición cargada de humor e espírito colectivo, e culminará cunha gran verbena nocturna a partir das 22.00 horas, coas actuacións de Planet Disco Móbil, Mateo Abelleira e Tito Maverick.

Ademais, xa se atopa á venda o merchandising oficial dos San Juerguines, creado pola organización para recoñecer o traballo das bateeiras e bateeiros, facendo referencia ao carácter e identidade mariñeira da vila. Pódese adquirir na Confraría, agás os mércores que o posto de venda estará habilitado nos Xardíns.

–       Os luns, mércores e venres en horario de 12:00 a 14:00 horas.

–       Os martes e xoves de 20:00 a 21:30 horas.

Os San Juerguines consolídanse como unha das grandes citas estivais do municipio, unindo tradición, participación e identidade local.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.