Alfonso Costa e José Luís Veiras xa son fillos adoptivos do Concello de Lousame

07 Agosto 2025

A igrexa parroquial de Camboño (Lousame) quedou pequena para acoller este mércores 6 de agosto o acto de entrega do nomeamento como fillos adoptivos do Concello de Lousame dos artistas Alfonso Costa Beiro e José Luís Veiras Manteiga. Familiares, amizades, compañeiros artistas, representantes de Barbantia e, sobre todo, veciños e veciñas de Camboño acompañaron á corporación municipal lousamiá nesta homenaxe a dous ilustres veciños da parroquia.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, foi a encargada de dar a benvida a todas as persoas presentes, amosando o seu agradecemento aos dous artistas “por escoller Lousame, por ter aos veciños tan namorados e por seguir aquí”. Así mesmo, puxo en valor a implicación de Costa e Veiras coa vida municipal: “Fixeron cursos cos nenos de Camboño, pintaron… e están estimulando algunha vocación de pintores que agardamos que perdan a vergonza e pasen a expoñer”.

Pola súa banda, o director do Museo de Artes do Gravado de Ribeira, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, foi o encargado de facer a laudatio de ambos os dous artistas, dos que “comisariei varias exposicións e coñezo a súa magnífica obra e a súa longa traxectoria”. Rodríguez Santamaría puxo en valor o papel de Camboño na vida de Costa e Veiras pois “aquí foron creando parte da súa obra. É unha honra para Lousame e para o Barbanza en xeral que dous artistas vexan recoñecidos os seus méritos nun municipio fundamentalmente rural, xa que o universal non é máis co rural sen paredes, aberto ao mundo como recordaba o gran escritor portugués Miguel Torra”.

Na súa laudatio, Rodríguez salientou que “comparten características estes dous artistas, ademais de lugar de residencia, con obra moi persoal e cadansúa personalidade, e non é menor a amizade que os une, cousa bastante extraordinaria entre dous potentes creadores. Úneos tamén a variedade da súa creatividade: pintura, gravado, ilustración e outras manifestacións artísticas como a poesía. Artistas completos, polivalentes, sempre investigando novos camiños artísticos”.

Finalmente apuntou que “Costa e Veiras viviron fora de Galicia moitos anos creando, experimentando, aprendendo e relacionándose co mundo artístico. Comparten xeración, a dos nacidos nos anos 40 na nosa bisbarra, un verdadeiro viveiro de artistas excepcionais entre os que podemos citar a eles mesmos, Manuel Romero e Soledad Peralta, entre outros”.

Alfonso Costa

Tras recibiren os pergamiños e as placas conmemorativas do seu nomeamento como fillos adoptivos do Concello de Lousame, entregados pola alcaldesa Teresa Villaverde, Alfonso Costa asegurou que “en poucas ocasións tereime sentido tan emocionado e agradecido, porque os recoñecementos que che fai a túa xente son sen dúbida os máis prezados. Logo de 25 anos vivindo en Camboño podo dicir que esta é a miña xente, a miña casa…” Así, Alfonso Costa explicou que “Camboño é o lugar que elixín na miña volta a Galicia dende Barcelona para vivir e crear. Doume tanto que non o podería resumir nesta breve intervención. Non é só un lugar fermosísimo, de fontes e regatos cantareiros, de terra negra onde todo medra con vizosa alegría ademais de lugar inspirador do que nace a miña obra do último lustro. É o lugar habitado polas mellores persoas que coñezo”. Por iso rematou a súa intervención dirixíndose a eles: “A todos e todas os meus veciños quero darlles as grazas á súa cordial acollida e disposición xenerosa que me brinda toda a axuda e agarimo, a súa simpatía e discreción. Son feliz entre vós e en ningún lugar se sente o meu corazón que aquí”.

José Luís Veiras

Un sentimento que compartiu Veiras Manteiga: “Vivín en moitos lugares e nunca se me pasou pola cabeza que me deran ese recoñecemento. Eu levo 25 anos, pero realmente son 46 que foi cando comprei a casa en Camboño, que os meus veciños de Noia me dicían que estaba tolo, que aló so hai lobos, que son uns atrasados… Pero a miña muller e eu estabamos encantados con esta casa, que eran catro pedras porque non había nin tellado, o chan era de terra e había un cortello para vivir ben. Era algo sinxelo para que os cativos puideran xogar e non lonxe da praia”.

Neste sentido, o artista noiés explicou que elixiu Camboño “pola súa tranquilidade, polas rúas cubertas de parras que no verán quente nos daban sombra, polas fontes que os meus amigos cataláns envexaban e pola súa tranquilidade, con dous bares onde tomar uns viños. Coido que temos que reivindicar unha taberna en cada aldea que abra un par de horas para que poidamos ir falar cos

veciños e botar unha partida de tute se necesario é”. Por iso reafirmouse en que se trata de “unha aldea que non deixaría nunca, que cambiou moito nestes 46 anos e valoramos a calma, tranquilidade, a súa xente, os cantos do paxaros, as súas fontes e incluso os ladridos dos cans pola noite, porque durmo coa xanela a aberta. Camboño é a miña aldea e as súas xentes os meus veciños. Síntome un camboñán máis e penso que aquí morrerei… xa teño panteón…”.

Tributo musical

O acto contou coa animación musical de Xoán Curiel que, xunto a Iris Grey e Bea López, presentou o seu proxecto Treides comigo!, creado a partir de cantigas medievais compostas por trobadores galegos e que comezou cun poema musicalizado de Zernadas de Castro, artista de Fruíme a quen o Concello de Lousame agarda lle poida ser dedicado o Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario da súa morte.

Unha vez rematada a homenaxe, no adro da Igrexa tivo lugar unha pequena e moi especial actuación da Asociación Folclórica Canlebó, formación da que formou parte José Luís Veiras durante varios anos. “Estiven seis anos tocando a gaita, manda carallo”, comentou con retranca un emocionado Veiras Manteiga.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.