Boiro celebrará a XVII Exaltación do Mexillón en Cabo de Cruz os días 15, 16 e 17 de agosto

05 Agosto 2025

Boiro renderá homenaxe ao seu produto estrela coa celebración da XVII Exaltación do Mexillón, unha cita gastronómica e cultural que terá lugar en Cabo de Cruz os días 15, 16 e 17 de agosto, organizada pola Asociación da Exaltación do Mexillón en colaboración co Concello de Boiro.

A concelleira de Cultura e Turismo, María Outeiral, participou hoxe na presentación oficial do evento xunto con Daniel Ozores, presidente da asociación organizadora, e outros membros da entidade. Outeiral destacou a importancia desta festa, que “pon en valor o noso produto local, pois somos o principal produtor de mexillón, e ao tempo permítenos desfrutar del e dalo a coñecer”.

Daniel Ozores subliñou que a exaltación busca reforzar a imaxe do mexillón das rías galegas e amosar a súa calidade e potencial económico. “Contamos coa colaboración de seis agrupacións que suman máis de 400 bateas: AMC, Amebarraña, A Boirense, A Marxa, A Bensa e Virxe do Carme”, sinalou.

Un programa completo e variado

A programación comezará o venres 15 cunha charla sobre o “Proxecto Apromex”, impartida por Elsa García, e un showcooking a cargo do recoñecido cociñeiro Miguel Mosteiro ás 21:15 h.

O sábado 16 abrirase ás 12:00 h coa proxección da curtametraxe “Evolución do sector bateeiro”, seguida dunha charla titulada “O sector do mexillón: dato mata relato” por Miguel Ríos. A xornada incluirá tamén sesión vermú con D’Crooners Band, degustacións de tapas, inchables para os máis pequenos e un novo showcooking ás 20:30 h, nesta ocasión da man de Lucía Freitas, ademais de paella e mexillóns ao vapor, amenizado polo grupo Virtual Projects.

O domingo 17 será o día grande, coincidindo coas regatas da Liga Galega de Traiñas no peirao de Cabo de Cruz. Terá lugar o acto oficial de inauguración da exaltación cun menú degustación de catro elaboracións con mexillón a prezos populares, acompañado da actuación do grupo O Ar de Loureda.

Desde a organización agárdase a venda de entre 5.000 e 6.000 racións ao longo da fin de semana. Ademais, o Concello ofrecerá 1.000 quilos de mexillón aos locais de hostalaría que desexen participar, para que poidan crear as súas propias tapas a base deste produto durante toda a semana.

Esta XVII edición consolida a exaltación como unha das citas gastronómicas máis importantes da comarca, combinando promoción do produto local, actividades culturais e diversión para todos os públicos nun marco incomparable como é Cabo de Cruz.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.