A Xunta de Galicia vén de activar a alerta de nivel 1 por episodio de calor no sur da provincia de Pontevedra, concretamente nas zonas isoclimáticas do Litoral e do Miño de Pontevedra, no marco do seu Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde.
Segundo informa MeteoGalicia, a situación está provocada pola persistencia das altas presións, que a partir de mañá domingo irán traendo unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana, facendo que as temperaturas se incrementen de maneira significativa, sobre todo nos valores máximos.
Este sábado, as temperaturas elevadas aínda se restrinxen a puntos do sur de Galicia, pero a partir do domingo a calor tenderá a xeneralizarse, co agravante de que o vento amainará, aumentando así a sensación térmica.
A previsión apunta a que as máximas superarán os 35ºC e poderían achegarse aos 40ºC en amplas zonas da comunidade, agás no norte das provincias de Lugo e da Coruña. En puntos de Pontevedra tamén se agardan noites tropicais, con temperaturas mínimas moi elevadas, mentres que no interior as madrugadas serán algo máis suaves.
Este episodio de calor prolongarase durante os primeiros días da vindeira semana, polo menos ata o mércores, podendo estenderse ata o xoves nalgúns puntos do territorio galego.
As autoridades recomendan extremar as precaucións, especialmente entre as persoas máis vulnerables, e seguir os consellos sanitarios para facer fronte ás altas temperaturas.




