Este sábado 2 de agosto procedeuse ao izado no Real Club Náutico de Portosín da bandeira azul, que a institución recibe por 34 ano consecutivo, así como das distincións Q de Calidade Turística e S de Sostibilidade Turística, concedidas por 12 e segunda vez. Ademais, tamén se bendiciron 16 novas embarcacións de recreo. Na cita participou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen salientou “a aposta destas instalacións pola calidade que redunda nunha mellor oferta de turismo náutico da comunidade”.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, lembrou que a aposta por un turismo de calidade é un dos eixes de traballo do seu departamento. Esta aposta ten nas distintas certificacións unha ferramenta clave, que axuda a recoñecer a singularidade da oferta de establecementos e servizos turísticos. Desde a Axencia convócanse anualmente axudas para a súa consecución.

En total, 12 portos de Galicia recibiron o distintivo ambiental de bandeira azul en 2025. Destes, catro están situados na provincia da Coruña, sete en Pontevedra e un en Lugo. Ademais, recoñecéronse 108 praias con esta distinción, así como 17 centros azuis, o que fai un total de 137 bandeiras azuis na comunidade. No referente ás certificacións Q de Calidade Turística e S de Sostibilidade Turística, 19 e 18 portos deportivos da comunidade contan con este recoñecemento.




