A Oficina de Turismo do Concello de Padrón presentou este mes un novo folleto dirixido ás persoas visitantes que leva por título Decálogo do Turista Responsable, unha guía práctica para “gozar do patrimonio, a cultura e a natureza local desde unha perspectiva de respecto e sustentabilidade”, en palabras do Concello. A iniciativa enmárcase nos obxectivos marcados tras a obtención da distinción S de Sostibilidade Turística, recoñecemento que certifica o compromiso do destino co cumprimento dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS).
O folleto foi distribuído en castelán, galego e inglés.

Baixo lemas como Descubre Padrón con conciencia ou O teu viaxe deixa pegada, que sexa positiva, a guía convida a reflexionar sobre o impacto individual das persoas visitantes e ofrece pautas claras para contribuír á conservación dos recursos culturais e naturais do municipio.
O decálogo inclúe recomendacións como o respecto polo patrimonio histórico, a participación nas actividades locais desde a empatía, o coidado do medio natural, o consumo de produtos de proximidade, o uso responsábel de auga e enerxía ou a importancia de desprazarse de forma sostíbel. Tamén se anima a seguir a sinalización turística, respectar a veciñanza e compartir as experiencias nas redes sociais sen vulnerar a privacidade doutras persoas.
O Concello salienta tamén que “a guía destaca que practicar un turismo responsábel que non só beneficia ao destino, senón que tamén mellora a experiencia das persoas viaxeiras, fortalece a economía local e fomenta relacións baseadas no respecto mutuo”.
O folleto, que tamén se pode consultar en formato dixital a través da páxina web de Padrón Turismo, reflicte “o compromiso do Concello de Padrón cun modelo turístico máis consciente, integrador e sostíbel”. Desde a Oficina de Turismo lémbrase que “Padrón é un destino singular, máxico, cargado de historia, cultura e paisaxes único, é coidalo é tarefa de todas e todos, tamén de quen o visita”.



