O festival Viladomar transforma Rianxo con catro novos murais e un legado artístico para descubrir todo o ano

21 Xullo 2025

O festival Viladomar, máis alá dos muros pechou a súa edición 2025 con catro novas intervencións que amplían o museo ao aire libre que leva tomando forma en Rianxo desde 2018: un proxecto de arte pública comprometido coa identidade local, a creación contemporánea e a conexión co mar e o rural, en palabras da organización (a asociación Ondiñas Mainas coa colaboración do Concello), que salientou que nesta edición interviñeron catro artistas galegos de referencia, “que transformaron os muros de Rianxo cunha proposta conxunta marcada pola identidade, o territorio e a linguaxe contemporánea”.

Yoseba MP – Eu quero o gaiteiro da muller

O artista de Cambre afincado en Santiago conecta de novo coa raíz da cultura galega para traer á superficie do muro a figura de Maruxa e José, o histórico dúo coñecido como Os Rosales de Asados. A súa obra, realizada xunto á Capela de Santa Lucía, é unha homenaxe á tradición musical que emerxeu desde a parroquia de Asados e marcou un fito na historia cultural galega.

Yoseba interpreta esta historia cunha oda á técnica pictórica e á paisaxe de Rianxo. Unha escena de celebración e alegría, onde por primeira vez unha muller se puxo á fronte dunha agrupación musical. Enmarcado nunha vista do Araño, o mural combina a súa habitual pincelada solta e descritiva cunha estética de realismo pop, e péchase cun rotulado feito a man que lembra as portadas dos discos tradicionais.

Xoana Almar – Esfinxe

A muralista compostelá mergúllase aquí nunha linguaxe pictórica que leva anos desenvolvendo en muros de España e Europa. Esfinxe é unha obra cargada de sensibilidade e estilo recoñecíbel, onde o xesto e a mancha convértense en vehículos de expresión afastados da representación literal.

A protagonista é unha figura enigmática e protectora, que se disolve en formas abstractas nunha danza de cores inspirada na creatividade da infancia. O contexto —a escola unitaria do C.R.A. de O Pazo— confírelle un carácter aberto, simbólico e afectivo.

A colaboración con Lúa Gándara impulsou esta procura dun muralismo máis experimental, onde a creación compartida e a comunidade se colocan no centro do proceso.

Lúa Gándara – Aquí hai de todo

Cunha gran traxectoria na abstracción contemporánea, Lúa Gándara dá o salto ao espazo público con Aquí hai de todo é unha obra que nace do xogo e da escoita activa do territorio. As formas, cores e trazos da peza constrúense ao ritmo das conversas da veciñanza, da paisaxe e da memoria local: o castelo que lle dá nome, as plantas, os animais, os mitos…

A obra, tamén situada no muro da escola unitaria de O Pazo, dialoga coa contorna e convida á participación lúdica. Como dixo Nelita, ao pasar diante do mural: “Cada quen ve o que quere ver. Isto é un xogo.”

Pelucas Bubbles – Nasa Buey Conection

Recoñecido pola súa traxectoria internacional, o artista vigués Pelucas Bubbles interveu na rúa Loureiros cun mural de alto impacto visual. Nasa Buey Conection mergúllanos nun universo onírico, libre e salvaxe, onde conflúen figuras mutantes, patróns imposíbeis, humor ácido e imaxinarios colectivos.

O artista traballa sen guión, con trazos intuitivos e unha linguaxe altamente simbólica, creando unha peza aberta á interpretación. Cada quen pode atopar o seu camiño entre o caos aparente, como quen navega un soño sen mapas.

Con esta intervención, Pelucas reafírmase como unha das voces máis singulares e inconfundíbeis do muralismo galego contemporáneo.

Un legado que permanece nos muros

As novas pezas súmanse ás máis de vinte intervencións realizadas noutras edicións, que configuran un percorrido polo muralismo galego contemporáneo. Un itinerario aberto ao longo do ano que permite descubrir a vila dende outra ollada, entre muros, memoria e mar.

Cada mural ten detrás un proceso creativo, unha historia e unha conexión directa co territorio. Un diálogo entre artistas, espazo público e comunidade que define o espírito de Viladomar: arte pública arraigada e transformadora.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...