
A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional celebrou este martes 15 de xullo unha xornada especializada centrada no proceso de dó, dirixida a persoas con diversidade funcional e/ou con enfermidade mental e impartida por Mari Carmen Hermo.
Baixo o título Comprensión do dó como parte do ciclo vital, a sesión tivo como obxectivo achegar ferramentas prácticas e información útil sobre un tema que adoita estar cargado de tabús e falta de recursos accesibles.
Ao longo da xornada impulsada pola asociación inclusiva do Barbanza, na súa sede de Ribeira, abordáronse cuestións como: a comprensión do dó como parte natural do ciclo vital, a estratexias para afrontar as distintas fases do proceso de dó, o acceso a recursos de apoio emocional e psicolóxico, a importancia da comunicación e da expresión emocional, e a necesidade de recoñecer e validar as emocións propias e das demais persoas.
Estas xornadas forman parte do compromiso de Ambar para garantir que todas as persoas poidan afrontar situacións de perda e sufrimento con apoio e acompañamento adaptado ás súas necesidades.
A iniciativa busca tamén sensibilizar á sociedade sobre a importancia de contar con espazos seguros e accesíbeis onde compartir a dor e construír resiliencia colectiva, especialmente en colectivos vulnerábeis que moitas veces quedan fóra dos circuítos habituais de atención emocional.
Desde Ambar destacan que “a atención ó dó debe formar parte dunha sociedade inclusiva onde se respecte o dereito de todas as persoas a transitar a perda con dignidade, comprensión e apoio”.
Esta actividade, que reforza o compromiso de Ambar ca autonomía e o apoderamento das persoas con diversidade, foi posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, e ós Fondos Europeos da Unión Europea.




