A agrupación Boiro Novo emitiu un comunicado no que acusa ao Goberno do PSOE de “negarse a facilitar o acceso á vivenda para a veciñanza”. No comunicado din estar “profundamente decepcionados despois de escoitar no pasado pleno municipal ao portavoz do Goberno dicir que ve positivo apoiar con cartos públicos que haxa quen se enriqueza grazas a especular coa acumulación de vivendas turísticas”, e critican tamén que “o Executivo votase en contra da nosa moción que precisamente pretendía regular que entidades xurídicas, como bancos ou fondos de investimento, acaparasen o mercado inmobiliario e evitar así que se repetise de novo outra burbulla inmobiliaria como a que estoupou no 2008”.
Boiro Novo tamén expresou o seu malestar co PSOE de Boiro por, segundo din, “anunciar ao día seguinte unha macro operación urbanística en Barraña para facer negocio coa construción de case 1000 vivendas, cun 80% susceptíbeis de acabar ben no mercado da especulación ben como vivenda vacacional fomentando a suba desmesurada dos prezos deste ben de primeira necesidade”.
E engaden: “Estase precisamente a fomentar un modelo que arrasou co mercado da vivenda en todo o Mediterráneo, unha zona na que mesmo hai xente que ten que renunciar a empregos por non poder gañar o suficiente para poder costearse unha vivenda. O Goberno de Boiro, en vez de tomar nota e aprender deses erros, empéñase en copiar esa política de pan para hoxe para uns poucos e fame para mañá para a maioría da veciñanza”.
E conclúen: “Dende Boiro Novo cremos que o camiño é precisamente o contrario. A política urbanística debe priorizar de xeito maioritario a vivenda protexida. Que se destinen cartos de todos os veciños para que grandes construtoras e fondos inmobiliarios poidan especular e inflar os prezos da vivenda e do mercado de alugueiro é un total despropósito que pagaremos no futuro, algo que precisamente deberíamos combater e non fomentar”.




