ULA Libraría Social, a libraría de Maitane Vicente no 11 da rúa da Capela da Serra, vai acoller este sábado 5 de xullo un obradoiro sobre a historia do campo de concentración de Lavacolla, en Santiago. Dará comezo ás 11.30 horas e contará coa presenza de Ali e Rosalía, que mostrarán ás persoas participantes como elaborar fanzines sobre a Memoria Histórica para saber que pasou no campo de concentración de Lavacolla. Non se precisan coñecementos previos e está aberto a todas as idades.
Que hai que levar?
Podemos levar algunha revista ou xornal que teñamos por casa e tesoiras. O taller é de balde; quen queira pode achegar 1 euro para os custes de impresión.
Por que se organiza?
Ali e Rosalía indican que” con este obradoiro queremos dar coñecer á xente o que ocorreu no campo de concentración franquista de Lavacolla, Santiago de Compostela (un dos máis de dez que había en Galicia) e crear materiais divulgativos e creativos para difundilo”.




