O festival Viladomar celebra a súa 6ª edición en Rianxo afondando na arte pública e o muralismo galego

26 Xuño 2025

A localidade mariñeira de Rianxo acolle a 6ª edición de Viladomar, máis alá dos muros, un festival de arte pública que, desde 2018, aposta pola transformación do espazo urbano a través da creación colectiva, o muralismo contemporáneo e o diálogo coa veciñanza.

Coordinado pola Asociación Cultural Ondiñas Mainas, o certame desenvólvese en colaboración co Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, entre o 3 e o 13 de xullo de 2025 e contando con catro novas intervencións murais que se sumarán ao museo ao aire libre que medra nas rúas da vila desde hai seis anos. Xunto a elas, desenvolverase unha programación de actividades culturais, entre as que destacan roteiros guiados, obradoiros ou un paseo en barco pola ría, segundo confirma a organización, engadindo que dende a súa posta en marcha, “Viladomar defende unha arte pública accesíbel, crítica e en contacto coa realidade local”.

E apuntan: “O festival consolidouse como un espazo de encontro entre artistas, veciñanza e territorio, no que a pintura mural actúa como ferramenta de transformación colectiva e expresión contemporánea. A súa identidade foi construída desde abaixo, apostando por procesos colaborativos e por poñer en valor a creación artística no ámbito rural e costeiro”.

Nesta nova edición participarán catro artistas que representan diferentes xeracións, estilos e linguaxes dentro da escena mural galega actual, cun forte vínculo coa contorna e co carácter público e social da arte.

Lúa Gándara, artista de O Porriño, afonda na relación entre o corpo, o espazo e a intuición. A súa obra, de linguaxe abstracta, constrúe paisaxes mentais a través do equilibrio e a cor. Formada en Belas Artes e cunha gran traxectoria expositiva, achegará ao festival unha mirada libre, intuitiva e contemporánea. “A súa participación en Viladomar marcará a súa primeira intervención mural no espazo público”, sinalan dende a organización.

Yoseba MP, pintor de Cambre afincado en Santiago, traerá a súa particular visión do rural galego. Coñecido pola serie Fenómenos do rural, converte ás avoas galegas en superheroínas urbanas, nun exercicio de realismo, ironía e homenaxe á memoria colectiva. “A súa obra destaca polo estilo fotorrealista e unha pincelada suxestiva e expresiva”, avanzan dende Ondiñas Mainas.

Pelucas Bubles, artista multidisciplinar nado en Vigo, propón un universo visual único e inconfundíbel. A súa obra, que abrangue muralismo, instalación, cerámica e escultura, mestura humor, crítica social e mitoloxía persoal. Con experiencia internacional, especialmente en México, achegará a Rianxo unha intervención aberta á intuición, ao contexto e á transformación do espazo.

Xoana Almar, muralista e ilustradora compostelá, forma parte da cooperativa Cestola na Cachola. O seu traballo está centrado na representación de personaxes femininas con formas sinxelas e expresivas que transmiten forza, tenrura e historias cotiás. A súa proposta conecta o muralismo co compromiso social e o legado plástico galego desde unha mirada feminista.

Durante os próximos días, o festival anunciará nas súas redes sociais o calendario detallado das actividades, as localizacións das intervencións e as propostas paralelas. A programación dará comezo cun acto inaugural institucional o xoves 3 de xullo ás 11:00 h no Salón de Plenos do Concello de Rianxo, no que participarán representantes do Concello, da Deputación da Coruña e da organización do festival.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.