O Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia promóvese en Madrid e Valladolid

25 Xuño 2025

A Ría da Estrela e a Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros veñen de iniciar esta semana una ronda de presentacións pola Península Ibérica para dar a coñecer un novo concepto de ruta xacobea: o Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia. Unha iniciativa que arrincou este martes 24 de xuño en Madrid e que tivo continuidade este mércores 25 en Valladolid, reunindo a unha trintena de prescriptores. Lisboa e Zaragoza serán as próximas paradas, xa no mes de xullo.

A asociación lembrou que o Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia ofrece peregrinar a Santiago a través dunha ría e uns portos cunha longa tradición xacobea, especialmente o de Noia que no seu momento foi o Portus Apostoli de Compostela: “Trátase dunha travesía que rememora o percorrido que seguiron milleiros de peregrinos dende os tempos da Segunda Cruzada e, especialmente, o navegante veneciano Pietro Querini en outubro de 1431”, sinalou a asociación, engadindo que “ao tratarse dun trazado recoñecido oficialmente polo Cabildo Catedralicio, abonda con completar 90 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos indicados e facer a pé cando menos os 12 últimos quilómetros entre Bertamiráns e Santiago para obter a Compostela”.

“A nosa proposta está a ser moi ben recibida. Uns poñen o énfase na súa orixinalidade e outros poñen en valor o feito de recuperar unha forma de peregrinación a vela típica doutros séculos”, apuntou José Antonio Marcote, responsábel de comunicación da Ría da Estrela, que xunto a Sebastián Valverde, xerente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia están protagonizando estas presentacións.

Peregrinacións marítimas

“Estamos a presentar unha maneira diferente de facer o Camiño de Santiago pero que hai séculos era a principal: navegando”, explica Sebastián Valverde, engadindo que “estamos perante un novo produto turístico que desborda o ámbito da nosa ría, onde o turista ou peregrino pode reservar barcos ou camarotes para desfrutar dunha experiencia absolutamente única: peregrinar a Compostela a bordo dun veleiro e por unha das zonas turísticas máis espectaculares a nivel mundial”.

Como apunta Sebastián Valverde, “a historia moderna das peregrinacións a Santiago comeza en 1990, pero ata 2025 non se propuxera en Galicia como desenvolver e xestionar as peregrinacións marítimas como produto turístico. É, polo tanto, unha primicia dentro do noso país e nela xoga un papel esencial a peregrinación de Pietro Querini”. Unha proposta que está tendo unha gran aceptación non so de público, senón tamén dos propios operadores implicados na iniciativa, que pasaron de 1 a 4 en tan só seis meses, salientou.

O primeiro operador é Sailway, unha navieira de chárter náutico que ofrece unha experiencia de catro días a bordo dun veleiro, 94 millas náuticas con saída do Monte Real Club de Yates de Baiona e chegada ao Real Club Náutico de Portosín. Ademais, ofrécelle ao peregrino diferentes opcións: dende alugar un veleiro (con ou sen patrón) ata facerse cun camarote, cunha ampla variedade de prezos. Outra navieira Julio Verne Náutica é a última incorporación do catálogo ata o momento. Oferta embarcacións de luxo e un percorrido de cinco días, catro delas polas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, unidas a un último día de camiño a pe ata chegar a Compostela.

O Monte Real Club de Iates de Baiona promove a V Ruta Rías Baixas-Camiño de Santiago Ría Muros Noia, unha peregrinación en grupo que se celebra do 30 de xuño ao 5 de xullo de 2025 e que será presentada mañá xoves en Baiona. Por último a Travesía Náutica Xacobea de ASNAUGA ofrece un bono descontos en amarres nos portos deportivos galegos, percorrendo os clubs náuticos de Galicia distinguidos coa Q de calidade turística e que apostan pola atención ao navegante, para así peregrinar a Santiago ben desde Ribadeo (Ruta Norte) ben desde Vigo (Ruta Sur).

“Paisaxismo, deporte, aventura, historia e espiritualidade, porque non deixa de ser unha ruta xacobea. Son valores que determinan o éxito do Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia”, concluíu Antonio Marcote, quen lembrou que toda a información está dispoñíbel nas páxinas web www.caminomaritimo.gal, www.caminomaritimo.es e www.caminomaritimo.com.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.