O Concello de Rois celebrou este xoves 19 de xuño a festa de fin de curso das Escolas Deportivas Municipais cunha xornada que combinou deporte e convivencia en dúas citas cheas de actividade. Máis de 200 nenos e nenas, repartidos entre as sesións de mañá en Urdilde e de tarde en Rois, protagonizaron unha despedida de curso onde deron boa mostra do aprendido ao longo do ano.

Pola mañá, o polideportivo do Pumar, en Urdilde, reuniu arredor de 80 rapaces e rapazas que participaron nas disciplinas de judo, tenis, baile deportivo, xadrez e patinaxe artística. A partir das 10.30 h sucedéronse as exhibicións das diferentes modalidades, nas que os pequenos deportistas demostraron as súas habilidades ante o público.

A entrega de diplomas estivo presidida polo alcalde, Ramón Tojo, que tamén fixo entrega dun doce detalle a cada participante: unha galleta co escudo do Concello elaborada pola panadaría local San José.
A rapazada de xadrez, aínda que non fixo exhibición, tamén recolleu os seus diplomas neste acto.

Xa pola tarde, a actividade trasladouse ao Polideportivo dos Dices, en Rois, onde outros 130 nenos e nenas tomaron parte nas modalidades de tenis, xadrez, atletismo, ximnasia rítmica, patinaxe artística e baile deportivo.
Desde as 16.00 h foron sucedéndose as exhibicións, todas elas aplaudidas por un numeroso público que arroupou as novas xeracións do deporte local. O concelleiro de Deportes, José Luis Ares, foi o encargado de entregar os diplomas e os agasallos.




