Padrón pecha o curso das Aulas Sénior con 316 participantes

06 Xuño 2025

O Auditorio Municipal de Padrón acolleu este venres 6 de xuño o acto de clausura do curso 2024–2025 das Aulas Sénior de Galicia (ATEGALl).

Padrón revalida un ano máis a súa posición como o municipio galego con maior participación neste programa de formación permanente para maiores de 60 anos, cun total de 316 persoas inscritas, o que supón 42 alumnos e alumnas máis ca no curso anterior.

O acto contou coa presenza do alcalde de Padrón, Anxo Arca; a concelleira de Terceira Idade, Mariló Saco Vigo; o director de ATEGAL, Ángel Fagilde; e a directora das Aulas de Padrón, Cruz Taboada, que felicitaron ao alumnado polo seu compromiso ao longo do curso e agradeceron ao profesorado a súa dedicación e profesionalidade.

Durante a súa intervención, Ángel Fagilde destacou a longa traxectoria de ATEGAL, que cumpre xa 47 anos ao servizo das persoas maiores, cun modelo baseado en catro áreas fundamentais: cultura, ocupación, saúde e lecer. “Os maiores somos un colectivo diverso e plural. Xubilámonos do traballo, pero non da vida”, afirmou.

Pola súa banda, o alcalde Anxo Arca amosouse especialmente orgulloso da alta participación e implicación do alumnado sénior padronés, con actividades repartidas en distintas parroquias como Carcacía, Cruces ou Extramundi. “O que somos hoxe as xeracións máis novas é grazas a vós, ao voso esforzo. Sodes depositarios dun gran coñecemento e talento que non podemos permitirnos perder”, afirmou.

O rexedor fixo fincapé na aposta decidida do Goberno municipal polo envellecemento activo e destacou que nos orzamentos que o Executivo someterá a unha cuestión de confianza, tras non obter os apoios necesarios para a súa aprobación inicial, a partida destinada á terceira idade duplicouse de 6.300 a 13.000 euros. “É un investimento útil e necesario. Continuaremos traballando para que sigades formando parte activa da sociedade padronesa”, engadiu.

Exposición, música e convivencia para pechar o curso

A programación da mañá incluíu unha coidada exposición de traballos realizados durante o curso nos obradoiros de pintura ao óleo, bordado, traballos manuais, pinturas en tela e labores. Tamén se proxectou unha vídeo-memoria das actividades desenvolvidas, destacando momentos vividos nas sesións formativas, saídas culturais e obradoiros de benestar.

O broche musical puxérono o trompetista Raúl Andrade e o pianista Fernando Briones, cunha emotiva actuación musical que emocionou aos presentes.

A xornada rematou cun xantar de confraternidade no Restaurante Scala, onde máis de 200 participantes compartiron experiencias e xa comezaron a contar os días para o inicio do novo curso.

As Aulas Sénior de Padrón ofrecen cada ano un amplo e diverso programa formativo, que abrangue desde alfabetización dixital, expresión artística ou cociña saudable, ata seminarios de desenvolvemento persoal, actividades interxeracionais, visitas termais ou viaxes culturais, consolidando un modelo que sitúa a Padrón como referente galego no ámbito da formación e o lecer para persoas maiores

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.