
O Concello de Lousame aproveitou a celebración do 17 de maio para reclamar, un ano máis, a dedicación do Día das Letras Galegas a Diego Antonio Zernadas de Castro, coñecido como o cura de Fruíme. A petición foi encabezada polo tenente de alcaldesa, Esteban Ares García, quen salientou a súa figura como “precursor do galeguismo e a figura máis ilustre de Lousame”.
Durante o acto, celebrado no adro da Igrexa de Fruíme, destacouse o labor do Concello e da Asociación de Veciños Zernadas de Castro na promoción da súa figura mediante conferencias, andainas, edicións literarias e incluso a estrela de dous poemas musicalizados por Xoán Curiel, que tamén actuou pola tarde co seu espectáculo “Treides Comigo – Alén”.
A presidenta da asociación, Ermitas Lorenzo, lembrou que no ano 2027 se cumprirá o 250 aniversario do falecemento do cura de Fruíme e reiterou a petición á Real Academia Galega para que “remate esta inxustiza histórica”.
O acto contou coa lectura de poemas por parte de nenos da parroquia, unha ofrenda floral ante o busto do homenaxeado, concertos da Banda de Música de Lousame e das cantareiras da UNED Sénior de Lousame, que puxeron o broche musical ante máis de 200 asistentes.
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, xunto a outros edís, fixo entrega de agasallos ás cantareiras como representantes da poesía lírica popular, mentres que pola tarde se celebraron obradoiros culturais, contacontos e o citado concerto de Xoán Curiel.




