O Concello de Outes abriu o prazo de inscrición para o Campamento de Verán edición 2025, encadrado no Programa Outes Concilia, que ten por obxectivo achegar á veciñanza alternativas de lecer, creativas e participativas, para favorecer, nos fogares, a harmonía entre a vertente laboral e familiar. As inscricións do Campamento de Verán poderán facerse desde as 9.00 horas do 28 de abril ás 14.00 horas do 12 de maio. Un total de 320 prazas, distribuídas en 6 quendas, estarán dispoñíbeis para as familias. As solicitudes de inscrición deberán presentarse conforme as bases e condicións específicas desta convocatoria a través dos modelos normalizados establecidos ao efecto na páxina web municipal. Poden presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello de Outes, ou de xeito presencial no Rexistro do Concello de Outes (horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres).




