O alcalde de Dodro vincula a aprobación dos orzamentos a unha cuestión de confianza tras o rexeitamento no pleno

17 Abril 2025

O alcalde de Dodro, Xabier Castro, anunciou que someterá a aprobación dos orzamentos municipais a unha cuestión de confianza, logo de que fosen rexeitados no pleno extraordinario celebrado este mércores. A medida chega tras o fracaso dunha proposta orzamentaria que o rexedor socialista cualificou como “os únicos posibles” debido ao incremento de gastos pola nova Relación de Postos de Traballo (RPT) e á achega municipal necesaria para manter o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Durante a sesión plenaria, os grupos da oposición —Xente de Dodro, Unidade Veciñal de Dodro e o Partido Popular— votaron en contra dos orzamentos, mentres que o BNG mantivo o seu apoio ao executivo local “por responsabilidade”. A suma de votos negativos impediu a aprobación das contas, que o goberno considera imprescindibles para garantir a continuidade dos servizos municipais básicos.

A tensión xa se fixo notar no primeiro punto da orde do día, cando a proposta de delegar na Xunta de Goberno Local a aplicación dos prezos públicos das actividades municipais tamén foi rexeitada pola oposición. O executivo argumentou que esta medida permitiría axilizar a xestión administrativa, dado que a Xunta de Goberno se reúne cada quince días fronte aos dous meses do pleno.

Na defensa das contas, o alcalde foi contundente: “Non hai outras contas posibles sen poñer en risco servizos esenciais como o SAF”. Desde o goberno local critícase que a oposición non presentara alternativas concretas: Xente de Dodro limitouse a facer insinuacións sobre a xestión municipal, mentres que PP e Unidade Veciñal solicitaron investimentos puntuais que, segundo o executivo, resultan inviables nunha situación de minoría e con orzamentos prorrogados.

A nova RPT, pola súa banda, foi aprobada cos votos a favor do PSOE, do BNG e de Unidade Veciñal. A reforma organizativa incorpora unha nova praza de arquitecto e regulariza tres postos fixos mediante o proceso de estabilización impulsado polo Goberno central, aínda que a súa aplicación dependerá da aprobación definitiva dos orzamentos.

Agora, o executivo volverá levar as contas ao pleno, esta vez vinculadas a unha cuestión de confianza. Se a proposta é novamente rexeitada, a oposición disporá dun mes para presentar unha moción de censura. De non facelo, os orzamentos quedarán aprobados automaticamente.

Tras o pleno, Xabier Castro advertiu: “Se a oposición quere frear o funcionamento do concello, que asuma a responsabilidade de formar un novo goberno ou que permita que Dodro siga funcionando”.

A situación política de Dodro queda así nun punto de inflexión, á espera da resposta da oposición nas vindeiras semanas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.