Temporal causa desfeitas en Ribeira: fortes ventos afectan infraestruturas

08 Marzo 2025

Os temporais continúan causando estragos na comarca e o concello de Ribeira foi un dos máis prexudicados polos intensos refachos de vento asociadas á borrasca Jana. Un dos incidentes máis graves tivo lugar no campo de fútbol de Aguiño, onde o temporal arrincou gran parte da cuberta.

Unha chapa metálica de aproximadamente seis metros de lonxitude quedou suxeita por unha única ancoraxe, xerando un serio risco de desprendemento. Ante a situación, efectivos do parque de bombeiros de Ribeira, coa colaboración dos membros do GAEM, subiron á cuberta, duns catro metros de altura, para asegurar a estrutura. Durante a intervención, detectaron outras láminas parcialmente soltas, polo que procederon a fixalas con parafusos antes de retirar a chapa de maior tamaño, a cal foi encartada e colocada nun lugar resgardado do vento.

Pouco despois, rexistrouse un novo aviso relacionado co desprendemento doutra chapa nun chiringuito de Ameixida. Neste caso, a estrutura metálica, de dous metros de longo, quedara encaixada entre dúas edificacións de madeira separadas por apenas 30 centímetros e estaba en contacto cun cable eléctrico, o que provocou chispazos. A situación representaba un perigo adicional debido á súa proximidade cun valado metálico que rodea a pista de fútbol adxacente ao chiringuito.

Os bombeiros interviñeron con rapidez para desencaixar a chapa e depositala nun lugar seguro baixo as casetas do campo de fútbol. Neste operativo tamén participaron axentes da Policía Local de Ribeira, quen colaborou na seguridade da zona.

O temporal segue xerando incidencias na comarca, polo que as autoridades recomendan extremar a precaución e evitar transitar por zonas onde poidan producirse desprendementos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.