
Aos inmigrantes pobres non os queremos no noso país, porque son uns vagos e delincuentes; a diversidade non existe; o feminismo e a igualdade é un invento da esquerda; a Xustiza Social é un dogma comunista; a Sanidade e a Educación Públicas non interesan, o importante é o negocio e a iniciativa privada; os traballadores teñen que estar sometidos aos responsables empresariais, non poden queixarse pois xa teñen traballo; os sindicatos son moi negativos para a xeración de riqueza; o aborto é un crime contra a humanidade; as ONG e demais entidades sociais son chiringuitos reaccionarios.
Si, estas afirmacións xa as patentaron moitos políticos e gobernante actuais, xeralmente millonarios e ben situados profesional e socialmente. Xente sen escrúpulos que trasladaron a máxima de que os fins xustifican os medios e que agora queren asaltar aos Estados para obter réditos do público, á conta de recortar dereitos á maioría da cidadanía. Non teñen vergoña e moito menos empatía. Só buscan o seu propio benestar e o dos seus fieis seguidores.
Como pode ser que, persoas que viven do seu traballo e que gañan pouco máis do salario mínimo interprofesional, voten, apoien e aplaudan a estes ególatras e mercenarios do poder. Non son conscientes de que se poxan e repártense o público, cando necesiten acudir a unha consulta médica ou hospital terán que pagar para ser atendidos ou operarse; que cando os seus fillos queiran estudar terán que ir a un centro ou universidade privada; que cando os seus pais estean afectados por unha dependencia terán que ir a unha residencia privada. Todo isto como o van a pagar, sen a colaboración das diferentes administracións públicas?
Non nos deixemos arrastrar por estes cantos de sirena, sexamos realistas e sentemos a pensar, non queiramos deixar o futuro dos nosos fillos e netos á vontade destes poderosos tabernarios que só buscan o seu propio beneficio económico e que nada entenden de dereitos.



