Padrón celebra con éxito o Día de Rosalía cunha xornada chea de cultura e tradición

23 Febreiro 2025

Padrón celebrou o Día de Rosalía (este 23 de febreiro) cunha xornada cargada de emotividade, cultura e reivindicación da súa poeta inmortal. O programa de actividades, organizado polo Concello de Padrón en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, contou cunha ampla participación cidadá. Pola mañá, o alcalde Anxo Arca desprazouse ata Santiago para tomar parte nos actos organizados na capital galega. A praza de Vigo, lugar de nacemento de Rosalía, acolleu a tradicional ofrenda floral. A continuación, a comitiva trasladouse ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, onde o rexedor padronés e o resto das autoridades presentes recitaron versos da autora, nun acto no que tamén soou a música de Antía Muíño e do grupo Carapaus.

Xunto ao alcalde de Padrón participaron nestes actos a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xosé Manuel Durán; a deputada provincial de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras autoridades.

Os actos da mañá pecháronse cunha degustación do tradicional Caldo de Gloria.

Alborada e Caldo de Gloria

Xa de volta en Padrón, o alcalde Anxo Arca deu inicio ás actividades organizadas polo Concello. Ás 13:30 horas comezou a alborada, na que os xigantes de Rosalía e Castelao, cedidos polo Concello de Rianxo e elaborados polo artista de Ribeira Gonzalo Sarasketa (Gonzalo Sarasquete), percorreron as rúas do centro da vila acompañados por un grupo de gaiteiros, achegando a esencia popular da festividade. A presenza de Castelao nesta homenaxe responde á declaración do 2025 como Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento.

Xunto ao presidente da Fundación Rosalía, as concelleiras Mariló Saco e Laura Horta e varias veciñas e veciños, o alcalde visitou distintos establecementos hostaleiros da vila para degustar o Caldo de Gloria, unha receita inspirada nos versos de Rosalía de Castro que simboliza a resistencia e dignidade do pobo galego.

Ofrenda floral a Rosalía

Xa pola tarde, celebrouse a tradicional ofrenda floral diante da estatua de Rosalía no paseo do Espolón. O acto congregou ao alcalde de Padrón, Anxo Arca, xunto aos membros da corporación municipal; diferentes representantes institucionais dos concellos da comarca; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e representantes do ámbito cultural e veciñanza nun acto solemne que puxo en valor a vixencia do legado da autora.

A programación continuou na Casa de Rosalía, onde tivo lugar unha nova degustación do Caldo de Gloria, nesta ocasión a cargo do recoñecido cociñeiro Alberto Carou, do restaurante Curral do Marqués de Rianxo. Como peche da xornada, a cantante Antía Muíño ofreceu un concerto no auditorio da Casa de Rosalía, enchendo o espazo de música e sentimento.

Desde o Concello de Padrón valórase moi positivamente a acollida desta xornada de homenaxe, que “cada ano reafirma a importancia de manter viva a memoria de Rosalía de Castro, promovendo a cultura galega e os valores de xustiza e liberdade que a autora defendeu”, informaron dende o Goberno local.

Ofrenda tradicional na estatua de Rosalía

Os actos da xornada incluíron a tradicional ofrenda floral na estatua de Rosalía De Castro en Padrón. Ao acto asistiron o alcalde de Padrón, Anxo Arca; Valentín García, secretario xeral de política lingüística; o alcalde de Brión Pablo Lago; Xavier Castro, alcalde Dodro; e Julián Bustelo, alcalde Rianxo; cuánto a concelleiros de Rois e a membros da Corporación municipal de Padrón. 

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.