Ribeira presenta un Entroido enxebre, colaborativo e aberto ás parroquias

21 Febreiro 2025

O Concello de Ribeira presentou este 21 de febreiro a súa axenda para festexar o Entroido, da man do concelleiro de Festexos, Francisco Suárez-Puerta, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, a concelleira delegada de Promoción Económica, Genoveva Betanzos e o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones. Segundo fixeron saber, a programación comezará o vindeiro venres 28 de febreiro con música na rúa (coa charanga Os Celtas da Baña en Ribeira e Charandonga en Oleiros).

Antía Alberte destacou que a programación achega este ano “un Entroido colaborativo coas entidades sociais locais que se prestaron para a organización das actividades”, entre as que destacan o Festival das Amas de Casa, o Festival do Liceo ou o Baile do Centro Recreativo de Artes…

Como salientou destacou que vai a haber uns premios para o Enterro do Felipe “porque quixemos remarcar este ano esta tradición que temos tan arraigada aquí, coas súas cantigas propias, as choronas, toda unha murga destinada a este singular enterro e queima”.

Antía quixo agradecer, aparte do Felipe de Palmeira, a colaboración da Asociación Cultural de Bandourrío, que este ano volve organizar a figura entroideira por excelencia destas festas en San Uxía, unha tradición que dende sempre tivo o seu epicentro en Bandourrío, precisamente. Para acompañar a festa neste histórico barrio de Ribeira, habilitarase unha carpa onde haberá un festival

infantil o martes pola tarde, aparte das Murgas para o domingo 2 de marzo, e tamén o sábado 1 o DJ Diego Tercero para a mocidade dende as 11:00 h até as 3:00 h da madrugada.

Pola súa banda, Veva Betanzos anunciou que haberá charangas polas rúas de ribeira e nas parroquias para dinamizar o comercio e tamén destacou os concursos de disfraces que comezaran ás 12 do mediodía do venres 28 até o 5 de marzo ás 22:00 h. Lembrou que as bases do concurso están na web do Concello e quixo agradecer a colaboración dos doce establecementos da hostalería neste concurso no que se repartirán este ano 2.000 € en premios.

O concelleiro Suárez-Puerta lembrou que é unha festa moi propia de Ribeira “que foi perdendo forza cos anos e queremos que vaia recuperando o pulso que coidamos que nunca deixou de ter e por iso dende tódalas áreas do Concello fixemos unha programación mais aberta pensadas para as parroquias”. O segundo tenente de alcalde resaltou o mércores co Enterro do Felipe, “no que se potenciará á súa tradición”.

O concelleiro de Sanidade sumouse ao agradecemento á Asociación Cultural de Bandourrío e engadiu: “Este ano non temos o martes festivo pero imos ter seis días dende o venres”. Finalmente deu os parabéns a tódolos establecementos colaboradores, así como a tódalas asociacións locais implicadas.

Programación

O venres 28 de febreiro comezará con música na rúa a cargo de Os Celtas da Baña, en Ribeira, dende as 21.00 até a medianoite; e coa charanga Charandonga en Oleiros a partir das 18.00 horas.

O sábado 1 de marzo celebrarase na Festa Infantil do Entroido das Amas de Casa, será novamente no Liceo Marítimo de Ribeira a partir das 17.00 horas. Contarase con DJ, desfile, chocolate con churros e lambetadas. A entrada será de balde. Organiza Amas de Casa de Ribeira coa Concellería de Cultura. Na mesma xornada do sábado haberá unha sesión de DJ con Diego Terceiro dende as 23.00 horas até as 3.00 horas, en Bandourrío.

Sen saírnos do sábado 1 de marzo, o Entroido tamén se celebrará a tope en Palmeira, no Pavillón Alcalde Torres Colomer de Palmeira a partir das 12 do mediodía. Haberá sesión vermú con Os Chispas, laconada, charanga, actuación de DJ e Enterro do Felipe. A entrada será mediante doazón con fins benéficos, a través da Comisión de Festas de Palmeira.

Na mesma xornada do sábado haberá música na rúa nas parroquias: en Castiñeiras con Charandonga dende as 12 do mediodía, que tamén estará en Carreira a a partir das 17.00 horas; en Palmeira en en Olveira coa charanga Fanfarria Furruxa (a primeira hora da tarde e polo serán); e en Ribeira a partir das 22.00 con Os Celtas da Baña.

O domingo 2 de marzo volverá a haber música na rúa. Actuarán Os Celtas da Baña (en Aguiño a partir do mediodía), Fanfarria Furruxa (en Artes a partir do mediodía) e Gárgolas (en Corrubedo a partir das 12.30).

Celebrarase tamén o domingo o tradicional Concurso, Desfile e Festival de Murgas e Comparsas. Ás 17.00 horas sairán do novo Auditorio Municipal as murgas e as comparsas, acompañadas no desfile pola Charanga BB+ e Latexo Percusión, así como unha morea de personaxes que advertirán ao cidadán dos perigos de andaren a soas polas rúas. Desfile por Constitución, Estatuto, Rosalía de Castro, Galicia, García Bayón, Malecón, Romero Ortiz e Manzanares ata a Carpa do Entroido.

Pola noite haberá festival na Carpa do Entroido de Bandourrío. As murgas adultas competirán no festival por un primeiro premio de 1.000 €, un segundo premio de 600 €, un terceiro premio de 400 € e un premio á mellor murga local de 800 €, para o que haberá un xurado específico especializado no Entroido. Presentará o desfile a artista e influencer local Nuska Chousa. As bases do certame ao completa pódense consultar na web municipal, www.ribeira.gal.

Ademais, haberá Festa Infantil de Entroido no Liceo a partir das 17.00 horas, con animación musical, desfile, lambetadas e moita diversión. Entrada de balde. Organiza Liceo Marítimo de Ribeira coa Concellería de Cultura.

Na mesma xornada do domingo, celebrarase o Baile de Entroido en Artes (no Centro Recreativo a partir das 18.00 horas da man do Centro Recreativo e a Concellería de Cultura e coa actuación do Trío Musical D13).

O luns 3 de marzo comezará a súa actividade o Expreso do Entroido, un tren infantil que percorrerá as distintas rúas da cidade. Saída e chegada da praza do Concello, de 16.30 a 19.30 h. A entrada será gratuíta. A primeira hora será de acceso preferente para persoas neurodiverxentes.

A troula do martes 4 de marzo comezará pola tarde coa Choqueirada Infantil e o Concurso de Disfraces (entre as 17 e as 20h) da Carpa do Entroido en Bandourrío, cita acompañada por animadores, inchábeis, lambetadas, obradoiros variados e DJ.

O desfile e concurso de disfraces será ás 7 e media da tarde do martes. A rapazada que queira participar no Concurso de Disfraces deberá desfilar na pasarela e enviar fotografía a comercio@ribeira.gal. Haberá 5 premios de vales de 100 € para gastar no comercio local. Podemos consultar toda a información sobre os prazos de envío, documentación, etc. nas bases na web municipal.

O mércores 5 de marzo tamén estará activo o Expreso do Entroido, con saída e chegada da praza do Concello, de 16.00 a 19.00 h. Volvera a música na rúa con Os Celtas da Baña (en Ribeira a partir das 18.30h). Logo será a quenda do Enterro do Felipe, coa saída do acompañamento fixada para as 19.30 horas dende a Capitanía Marítima. A comitiva terá o seguinte percorrido: Malecón, Concordia, rúa Galicia, Santa Uxía, Alcalde Fernández Bermúdez, Rosalía de Castro, Galicia, Manzanares ata chegar á praza dos Mariñeiros onde terá lugar a queima con fogos de artificio. Acompañados da Charanga Os Celtas da Baña. Os choróns e choronas que acudan á comitiva poderán participar no concurso de disfraces e optar a premios de 100 € (individual) e 300 € (grupo). A continuación celebrarase unha degustación de doces de Entroido na Carpa do Entroido en Bandourrío. Colabora: Asociación social e cultural de Bandourrío.

Ademais durante todo o Entroido celebrarase o Concurso de Disfraces, dende as 12 do mediodía do venres 28 de febreiro ao mércores 5 de marzo ás 22:00 h. Poderán participar persoas maiores de 18 anos. Haberá premios importantes para os tres primeiros clasificados das categorías individual, parella ou trío e grupo (mínimo catro persoas). Tamén o mellor chorón ou chorona do Enterro de Felipe, individual ou en grupo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.