O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribeira presentou unha proposición para que o goberno local se adhira a esta Rede, co obxectivo de ampliar a oferta cultural do novo auditorio.

O PP de G de Ribeira informou dunha proposición para debate no próximo pleno do ordinario do mes de febreiro. Na nota informa que o pasado 15 de xuño de 2024, o Auditorio de Ribeira abriu as súa portas tras un longo proceso de traballo liderado polo anterior equipo de goberno municipal. Este novo espazo nace coa vocación de converterse nun referente cultural na localidade, ofrecendo unha programación de calidade que dea resposta ás inquedanzas artísticas da veciñanza.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, creada pola Xunta de Galicia en 1996, ten como obxectivo principal fomentar e descentralizar a exhibición das artes escénicas e musicais, cunha especial atención ás producións galegas. A súa xestión correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, que cofinancia as actividades en colaboración cos concellos e entidades xestoras dos espazos adheridos.
Tras case trinta anos de traxectoria, esta Rede consolidouse como o principal circuíto para a exhibición profesional das artes escénicas galegas. No primeiro semestre de 2025, a Rede ofrecerá ao público de 42 concellos un total de 343 funcións, abarcando teatro, danza, circo, música e maxia, cunha ampla representación de artistas galegos.
Entre as cidades e vilas participantes atópanse Carballo, Vilagarcía, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e moitas outras. Neste contexto, o Grupo Municipal do Partido Popular de Ribeira presentou unha proposición para que o goberno local se adhira a esta Rede, co obxectivo de ampliar a oferta cultural do novo auditorio.
Ademais, desde o Grupo Municipal subliñan a necesidade de mellorar o sistema de acceso ás entradas do novo auditorio, atendendo ás queixas recibidas por parte da cidadanía. A adhesión á Rede Galega de Teatros e Auditorios podería significar un paso máis cara a consolidación de Ribeira como un punto de referencia cultural en Galicia.



