
O BNG de Rianxo vén de coñecer, a través de varios veciños, a apertura dunha investigación baixo o título legal de “procedemento de comprobación limitada”, que supón unha modificación na situación dos accesos á vía pública desde os garaxes.
Aínda que inicialmente se circunscribe a unhas poucas rúas, o BNG alerta que nada impide que a partir de agora se aplique esta modificación de forma xeral, afectando a todos os garaxes do municipio, sexa ou non necesario o vado. Segundo a formación, o goberno local pretende cobrar polo simple feito de poder acceder ao garaxe, sen ter en conta se existe ou non reserva de vado, o que supón unha nova interpretación da Ordenanza vixente que, ata agora, non se aplicaba de forma tan ampla.
O BNG rexeita esta interpretación, e teme que a medida se estenda a todo o Concello, non só ás catro rúas investigadas, ampliando así a presión fiscal sobre os veciños. A formación tamén denuncia que se busca cobrar catro anos de retroactividade, algo que consideran unha “manobra de recadación arbitraria e inxusta”, dado que os veciños non foron informados de que o goberno cambiara o criterio de interpretación da normativa.
O pasado domingo, o BNG reuniuse coa veciñanza afectada para coñecer de primeira man as súas preocupacións. Como resultado, o grupo político comprometeuse a presentar unha moción no próximo pleno para paralizar o proceso iniciado por Rianxo en Común, que se está a realizar “sen a aprobación plenaria e de forma encuberta”, para reinterpretar a Ordenanza fiscal sen previo aviso.
Esta ordenanza fiscal, que regula a entrada de vehículos, foi aprobada inicialmente no ano 1998 e, segundo o BNG, a súa xestión e interpretación deben respectar o establecido no artigo 11 da norma, que condiciona o dereito de vado á previa solicitude e autorización administrativa.
Finalmente, a moción do BNG demanda a paralización dos procedementos de comprobación limitada, así como a convocatoria da Comisión de Economía e Facenda para debater as notificacións enviadas aos veciños, mantendo o criterio de xestión actual sen interpretacións que agraven a situación para a veciñanza de Rianxo.



