Na Feira de Orientación participan un total de 18 entidades, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas, os institutos Macías o Namorado, o de Valga e o Félix Muriel de Rianxo; o centro integrado de FP Coroso de Ribeira e o Centro Superior de Hostalería de Galicia, así como a Policía Local, a Garda Civil e outras institucións.

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe a primeira Feira de Orientación académica e profesional de Padrón, organizada polo Instituto IES Macías O Namorado. Esta cita, na que participan 18 entidades educativas, busca axudar ao alumnado a tomar decisións para o seu futuro dando a coñecer a ampla e variada oferta que hai tras as etapas de educación obrigatoria.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a importancia da orientación académica e profesional para guiar ao alumnado no camiño a escoller, algo que recolle o novo Plan FPGal 360, que conta con 60 medidas par reducir o abandono escolar, promover a igualdade de oportunidades e favorecer a empregabilidade. “Un dos obxectivos é reforzar o sistema de orientación profesional e vocacional que permita aliñar as expectativas do alumnado coas necesidades do mercado laboral”, sinalou a directora xeral.
Grazas a este plan os estudantes tamén teñen a súa disposición OPI Orienta, unha nova ferramenta dixital de orientación que, mediante intelixencia artificial, facilita o deseño de itinerarios formativos personalizados e o acceso á información sobre as diferentes saídas laborais.
Preparar o futuro
Durante a visita, Eugenia Pérez puido percorrer os stands de todos os participantes nesta xornada, a que tamén están convidados a achegarse as familias do alumnado. “É alentador ver como a comunidade educativa traballa para orientar, axudar e abrirlle novos camiños aos nosos estudantes, preparándoos así para o futuro”, dixo Eugenia Pérez, que agradeceu o labor dos centros implicados nesta primeira edición da cita en Padrón.
Na Feira de Orientación participan un total de 18 entidades, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas, os institutos Macías o Namorado, o de Valga e o Félix Muriel de Rianxo; o centro integrado de FP Coroso de Ribeira e o Centro Superior de Hostalería de Galicia, así como a Policía Local, a Garda Civil e outras institucións.

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou tamén as instalacións da empresa Cortizo para explorar co seu equipo directivo novas vías de colaboración do eido da Formación Profesional. En concreto, a representante da Xunta de Galicia presentoulles as posibilidade do sistema de acreditación de competencias para que os traballadores poidan obter un recoñecemento académico das habilidades adquiridas pola súa experiencia laboral ou por vías non formais de cualificación.
A directora xeral explicou que este procedemento permite ás persoas traballadoras obter un certificado oficial válido en todo o territorio nacional que demostra a súa experiencia e coñecemento, o que redunda nunhas mellores perspectivas laborais. “Isto supón, ademais, un claro beneficio para as empresas, dado que contribúe a unha mellora profesional do seu capital humano, o que inflúe en aspectos como a súa participación en convocatorias públicas e inflúe de xeito moi positivo na súa responsabilidade social corporativa”, destacou.
Deste xeito, Eugenia Pérez animou a Cortizo a promover entre os seus empregados a participación neste proceso. “Desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP proporcionamos todo o asesoramento preciso e mesmo visitamos as empresas para identificar os perfís profesionais que se axustan máis para cada persoa e acreditación”, incidiu, lembrando que o proceso é totalmente gratuíto para os participantes. “O obxectivo é favorecer un procedemento colectivo de acreditación co que chegar ao maior número de persoas”, engadiu.
Máis de 70 prazas en 11 proxectos diferentes
No transcurso da visita a directora xeral quixo tamén agradecer á empresa a súa colaboración na formación do alumnado de FP, tanto a través das prácticas convencionais como da súa participación en proxectos de FP Dual. Non en balde, desde o curso académico 2022/23 Cortizo ofertou máis de 70 prazas para 11 proxectos diferentes de Dual Intensiva, dos que 11 son alumnos que se especializarán este ano en fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial nas súas instalacións, e outros 18 alumnos realizaron prácticas formativas na sede da empresa padronesa.
Cortizo participa ademais no novo Plan FPGal360 de orientación profesional integral, no programa de visitas para dar a coñecer ao alumnado a realidade das empresas galegas punteiras.



