O Foro Galicia e Valle-Inclán presenta a nova publicación de estudos sobre o inmortal escritor arousán na Cidade da Cultura

17 Febreiro 2025
Anxo M. Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura, da Xunta de Galicia; Xaquín del Valle-Inclán Alsina, presidente do Foro Galicia e Valle-Inclán e director da publicación; Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán, da Pobra do Caramiñal; Cristina Rubal González, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, da Xunta de Galicia; e Ángel Varela Señoráns, tesoureiro da entidade valleinclaniana, de Vilanova da Arousa

O pasado venres 14 de febreiro celebrouse na Cidade da Cultura de Galicia a presentación da nova revista Foro Galicia e Valle-Inclán. Publicación de Estudos sobre Ramón del Valle-Inclán promovida pola entidade homónima, que ten a súa sede oficial no Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Participaron Ánxo M. Lorenzo Suárez, titular da Dirección Xeral de Cultura, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, presidente da asociación e director do consello editorial da revista e neto do escritor, e Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán do Barbanza, a que é a institución valleinclaniana decana do país.

Iniciou a quenda de intervencións Antonio González Millán explicando os obxectivos do Foro, un proxecto de interese integrador, xurdido, dixo, do empeño pola democratización da investigación e do coñecemento en col da biografía, a xenialidade e a obra literaria do escritor máis internacional de Galicia. “Ramón del Valle-Inclán”, sinalou, “é ese gran artista da palabra cuxa identidade e estilo non precisan de pseudónimo para ser recoñecido dentro das letras mundiais. O seu protagonísmo e carácter internacional son produto dun intercambio de experiencias humanas e literarias que gardan especial relación con Galicia, mais maceradas intelectualmente co estímulo, aprendizaxe e reforzo daquelas nacións nas que descobre e cultiva estilos e ideas que conforman o seu sentido do mundo, que contemplamos ao longo da súa traxectoria e das súas páxinas”.

Deseguido Xaquín del Valle-Inclán Alsina, neto e recoñecido investigador do escritor, falou aos presentes das características e contidos da nova publicación, en síntese, aclararía, editada atendendo “á necesidade de promover a salvagarda do rigor, o estudo das fontes contemporáneas e a divulgación do fenómeno cultural valleinclaniano alén de cativos localismos impropios ao ronsel dun artista universal.” Pois que, don Ramón é produto e síntese das dúas ribeiras da Arousa, en irmandade, e a súa xenialidade sitúase por riba daqueles que pretenden reducila, encorsetar a un creador de ficcións artísticas que superan espazos e tempos alén do eido literario.

Concluíu o acto o titular da dirección xeral de cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez, quen destacaría o carácter de símbolo de Valle-Inclán para as letras atlánticas e a mestría única do xenio galego. Razóns que, xuntas ao nivel dos estudos e ao rigor crítico ofrecido nas páxinas desta nova revista, “motivan o apoio da Dirección Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude”, sinalou, felicitando a todas as persoas que a fan posíbel.

O sumario deste primeiro exemplar de Foro Galicia e Valle-Inclán. Publicación de Estudos sobre Ramón del Valle-Inclán, Ano I, nº 1, inclúe traballos de investigación de: Herminio Valdecañas, Notas de amizade e manuscritos: Rubén Darío e Ramón del Valle-Inclán; Víctor Viana, Pedro Seoane Varela; Xaquín del Valle-Inclán, Epitalamio, a crítica e un dó non celebrado. Trátase dunha revista en edición bilingüe, ao estar destinada ás persoas lectoras de Galicia e das Comunidades de España, así como do exterior, con patrocinio da Dirección Xeral de Cultura, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Xunta de Galicia. Sendo responsábel da coidada tradución ao galego Rocío Viéitez Ferro.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Noia celebra un obradoiro básico e práctico de lingua galega

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Noia pon en marcha unha nova actividade dirixida a persoas adultas interesadas en iniciarse no uso oral e escrito do galego: un obradoiro básico e práctico de lingua galega. A actividade formativa será de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.