O sábado 15 de febreiro o público infantil e familiar de Muros vai poder desfrutar dunha nova representación teatral, da man de Xarope Tulú, que levará ao auditorio do Centro Cultural e Xuvenil a función A teteira de Kabul. Será a partir das 18.00 horas e a un prezo de 2,50 euros. Trátase dunha peza de monicreques para público maior de seis anos. As entradas pódense reservar a través do formulario en liña habilitado.
A teteira de Kabul é unha función baseada no conto homónimo de Carolina Pujadas: un espectáculo de monicreques que conta a historia de Mina, unha nena afgá que se ve obrigada a deixar o seu fogar por mor da guerra. Ao longo da súa viaxe, as historias que lle conta súa nai axúdana a atopar beleza no tránsito e a gardar recordos na súa teteira.
A concelleira de Cultura, Caridad González, destaca: “A través da peza A teteira de Kabul achegámonos a unha realidade complexa desde a emoción e a sensibilidade. É unha oportunidade única para o público familiar de reflexionar sobre o valor da memoria e da identidade en tempos de cambio”.




