O Concello de Boiro, coa colaboración de distintas asociacións e colectivos, organizan unha programación de Entroido pensada para todas as idades. A concelleira de Cultura, María Outeiral, presentou o programa de actividades xunto con Alfonso Alcalde, da Comisión de Festas da Boliña; e David Laíño, de Peñas Boiro AC, xunto con outros membros das entidades.

O programa de actividades deste ano 2025 comeza o xoves 27 de febreiro en Cabo de Cruz coa celebración do xoves de Abadesas. O día 28 será venres de abadesas en Boiro, que farán un percorrido pola rúa peonil acompañadas da charanga imperial.
O sábado día 1 de marzo a Comisión de Festas da Boliña organiza a súa XVI Festa da Orella no Campo de Revelar a partir das 19.00 horas e que contará con orella de porco, doces típicos do entroido e animación musical co Dúo Charada e DJ Jalaiko.
O mesmo día, a partir das 23.00 horas na praza de Galicia, Peñas Boiro AC organiza a súa proposta de sábado de entroido cunha festa cos djs Marcos Magán, Toni Seijas e Xacobo de Mínimo Eventos.
O domingo día 2 será o dia para os máis pequenos co desfile infantil que sairá ás 17.00 horas da praza da Mancomunidade e percorrerá a rúa peonil ata chegar á praza de Galicia, onde haberá unha gran chocolatada e festa infantil con DJ Matrek.
O martes de Entroido celebrarase o tradicional desfile e concurso de disfraces e carrozas que percorrerá as rúas de Boiro xunto coa Batucada Cadabatú, As da Boina, A Dorniña de Abanqueiro e rematará na praza de Galicia con DJ Matrek.
A programación do Entroido en Boiro remata o domingo 9 de marzo co día dos enterros. A axenda desta xornada comeza en Cabo de Cruz co Entroido Crucense e o enterro do Farruco, continúa en Praia Xardín co enterro da Cunca, pola tarde será o enterro do Óso en Abanqueiro e rematará o día con enterro do Felipiño en Escarabote. Como de costume haberá un tren que percorra todos os enterros durante o día.
“Igual que cada ano temos unha programación moi variada, con propostas para todos os públicos e todas as idades e iso é gracias á colaboración entre o Concello e os distintos colectivos que suman as súas propostas para o entroido”, afirmou a concelleira María Outeiral.
Programación do Entroido en Boiro
Xoves 27 de febreiro
Xoves de abadesas en Cabo de Cruz
Venres 28 de febreiro
Venres de abadesas en Boiro
Charanga imperial pola rúa peonil
Sábado 1 de marzo
19.00h – Entroido da Boliña XVI Festa da Orella (organiza: Comisión de Festas da Boliña)
23.00h – Festa de Entroido (organiza Peñas Boiro AC) na praza de Galicia
Domingo 2 de marzo
17.00h – desfile infantil pola rúa Peonil (saída da praza da Mancomunidade)
18.00h – chocolatada na praza de Galicia
18.30h – festa familiar con DJ Matrek na praza de Galicia
Martes 4 de marzo
18.00h – desfile e concurso de Entroido con Batucada Cadabatú, As da Boina, A Dorniña de Abanqueiro e DJ Matrek
Domingo 9 de marzo
Día dos enterros: Farruco de Cabo, Cunca de Praia Xardín, O Óso de Abanqueiro, Felipiño de Escarabote e entroido crucense.



