Carlos Callón, Xurxo Ayán e Daniel Macua presentan unha camisola que saca do esquecemento as dúas parellas gais máis antigas da nosa historia

07 Febreiro 2025

Na mañá deste 7 de febreiro presentouse en Santiago de Compostela, na Libraría Couceiro, unha nova iniciativa saída do libro Vidas e historias LGBT da Idade Media (Edicións Xerais) de Carlos Callón (Castiñeiras, Ribeira, 1978) destinada a mostrar algúns testemuños históricos que nos mostran “que a diversidade afectiva e sexual é parte do ser humano e existe ao longo dos séculos”, sinalou o autor, explicando que a iniciativa consiste na elaboración dunha camisola da empresa Acontravento que combina elementos “das dúas parellas gais máis antigas documentadas en Galiza”. O seu deseño ten no centro a lápida funeraria que Urso dedicou a Rufino no século III en Taragoña. Ao redor, inclúe a frase: “Todos os días e todas as noites, para sempre”, extraída do documento solemne en que Pedro Díaz e Munio Vandílaz uniron as súas vidas no día 16 de abril de 1061, en Santa María de Ordes (actual Rairiz de Veiga).

O autor de Vidas e historias LGBT da Idade Media sinalou que a presenza no acto do arqueólogo que estudou a lápida de Taragoña, Xurxo Ayán, e do director de Acontravento, Daniel Macua, “mostra moi ben as dúas pernas coas que quere andar este libro: o rigor académico para termos un coñecemento máis fidedigno do pasado e a necesidade de divulgar socialmente iso que achamos nas nosas investigacións”.

Callón explicou que “estes non son relatos de ficción, senón historias que puidemos desenterrar grazas ao traballo de campo e á análise documental. Unha lápida do século III e un documento do século XI demostran, máis unha vez, que o amor entre persoas do mesmo sexo sempre existiu”, subliñou o autor, que abondou en que “as de Urso e Rufino ou Pedro e Munio son historias de amor que veñen de século e que hoxe reivindicamos con orgullo”. O escritor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela resumiu así o espírito da iniciativa: “Fronte ao silencio, visibilidade; fronte aos insultos, orgullo”.

Xurxo Ayán, arqueólogo e investigador da Universidade Nova de Lisboa, foi o responsábel en dar coa lápida de Taragoña e estudala, hai xa vinte anos. Explicou que, cando se localizou e analizou por vez primeira, había un “contexto académico heteronormativo que dificultaba explicitar o que se percibía na inscrición. Estaba claro que era unha relación afectiva entre dous homes que ía máis alá das estruturas de parentesco” e que, “aínda que todo conducía a entender que eran amantes, non se facía explícito nos traballos académicos, por unha falsa cautela cientificista que impedía falar do que había que falar”. Ayán celebrou a saída do prelo de Vidas e historias LGBT da Idade Media: “A nivel historiográfico, este libro é un fito”.

Pola súa banda, o director de Acontravento, empresa responsábel da camisola, sinalou o “carácter único deste deseño”, pois “nunca se fixo nada así na Galiza, e dubido que tampouco fóra de aquí”. Segundo Daniel Macua, “é totalmente novidoso o feito de coller uns acontecementos e uns elementos de época medieval para unha temática LGBT e reivindicar dese modo os dereitos das persoas do colectivo no presente”.

Así mesmo, Macua explicou que “a creación do deseño se deu con moita naturalidade, xa que estamos perante uns elementos e uns acontecementos que encaixan moi ben entre eles. Temos a nivel gráfico unha lápida cuns elementos decorativos moi interesantes e moi doados de adaptar a unha estética máis actual e no nivel da mensaxe contamos cunha frase moi bonita e cun significado moi profundo e potente”, sinalou.

As camisolas van poder adquirirse na propia páxina da empresa.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.