Preto de 40 voluntarios/as axudan a eliminar acacias en Carreira, na contorna do miradoiro da Pedra da Ra

03 Febreiro 2025

O proxecto CAPRIF-CC programa o vindeiro sábado unha nova actividade de voluntariado ambiental para plantar árbores autóctonas nos montes da CMVMC de Baroña (Porto do Son)

Preto de 40 voluntarios e voluntarias participaron este domingo nunha xornada de eliminación de acacias organizada polo proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC). A acción desenvolveuse na contorna do miradoiro da Pedra da Ra, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Carreira, en Ribeira.

A actividade, coordinada pola Fundación Montescola, forma parte das iniciativas destinadas á erradicación de especies exóticas e invasoras, así como á restauración e mantemento de hábitats de especial interese de conservación. O obxectivo é garantir a pervivencia de paisaxes biodiversas e resilientes fronte ao cambio climático.

Dentro deste proxecto, CAPRIF-CC ten programada unha nova acción de voluntariado ambiental o vindeiro sábado, 8 de febreiro, no territorio da CMVMC de Baroña, en Porto do Son. Nesta ocasión, a iniciativa centrarase na repoboación do monte coa plantación de especies autóctonas, como carballos, castaños, bidueiros e freixos. A actividade desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas na contorna dos muíños e a capela de Santo Tomé. As persoas interesadas poden inscribirse ata o xoves a través do formulario dispoñible na web de CAPRIF-CC.

O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola. Ademais, conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecolóxica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.