
Sempre é deleite para a mente e o espírito penetrarse e deixarse levar unha fin de semana polo centro histórico de Compostela, a capital cultural e espiritual de Galicia. A primeira visita obrigada é a Catedral e dar un fraternal abrazo ao Apóstolo, así o fixemos. Logo vemos a celebración dunha voda nunha das capelas laterais, unha nena de apenas oito anos recita unha poesía aos noivos, finalizando cunha gran ovación de todos os asistentes á cerimonia incluído o propio párroco. En fronte á praza do Obradoiro outra voda está a celebrarse no Concello e podemos ver, entre os asistentes, a algúns parlamentarios galegos.
Os numerosos mosteiros e igrexas abren as súas portas a todos aqueles desexosos de paz espiritual, entramos en varios deles, e como pecadores buscamos o perdón ás nosas maldades. Ao saír atopámonos moito mellor, vemos as cousas doutra maneira, seguro que as vibracións e os bos espíritos que aniñan neses templos milenarios teñen algo de culpa.
As rúas empedradas, o bo tempo e os poucos visitantes dese día convídannos o acougo e decidimos buscar aos universitarios, onde estarán un sábado pola tarde? Entramos nunha facultade do Campus Norte e observamos a biblioteca ateigada de mozas, nas escaleiras, corredores e mesmo nos xardíns estudantes cos seus portátiles preparan os seus últimos exames do curso. Resulta estraño e ao mesmo tempo agrádanos saber que as bibliotecas permanecen abertas tamén as fins de semana ata altas horas da madrugada.
Tomámonos unhas cañas nunha das moitas terrazas da zona vella para logo dirixirnos a un dos edificios emblemáticos da cidade, que é un orgullo para calquera paisano. O convento de Bonaval, co Museo do Pobo Galego e o Panteón de Galegos Ilustres, ábrenos as súas portas para vivir outra dimensión. Memoria e tradición asolágannos a vista de maneira permanente, os recordos de nenez humedécennos os ollos e non temos palabras para agradecer aos nosos antepasados os sufrimentos, esforzos e traballos que tiveron que soportar para non perder a identidade e a dignidade de ser galegos. Os oficios, a música, a arquitectura, o campo e o mar demóstranos que temos pasado e que non podemos reinventar o futuro sen contar coa nosa historia.
Os restos mortais dalgúns galegos ilustres como Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Alfredo Bañas ou Castelao transmítennos un dobre sentimento de admiración e tristeza. O primeiro por manter e transmitir, a pesar das dificultades, a cultura galega polo mundo e o segundo por que, moitos deles en vida, non foron o suficientemente queridos e respectados polos seus paisanos e que agora, moitos anos despois da súa morte, son constantemente homenaxeados e lembrados.


