Non se pode evitar a preocupación que afecta aos galegos (aparentemente non á Consellería do Mar) polo declive dun sector de tanta importancia social e económica como é o pesqueiro, ao que non se lle pon remedio por ningunha das administracións involucradas nio seu mantemento.
Tentárano vai dez anos algúns armadores e mariñeiros do cerco que, coas súas familias, acamparon durante varias semanas nos xardíns de San Caetano, a escasa distancia do edificio administrativo da Xunta, en Santiago de Compostela, onde compartín con eles -alí estaba o inesquecible presidente de ACERGA, José Blanco, finado recentemente- penas e motivos de cabreo xustificado.
Amosaban con esa protesta a evidente disconformidade do colectivo coa carencia de cotas derivada, na súa opinión, do reparto realizado por comunidades autónomas das posibilidades de pesca do xurelo e a xarda no caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste.
Aquel problema non se solucionou debidamente e agora está a se debater a necesidade de repetir aquelas accións de protesta porque no seo das organizacións de produtores do Cantábrico (OPESCANTÁBRICO) se está a producir un intento de reparto do bocarte que os cerqueiros galegos non admiten porque, tamén neste caso, din que se está a dar un intento de reparto desa especie (o bocarte) que non solucionan os problemas derivados da aplicación dos dereitos de pesca das embarcacións cerqueiras contra os que loitaran vai unha década.
Unido a todo esto van as reducións de cotas de distintas especies e ao posicionamento de Bruxelas contrario á pesca de baixura.
Para facer fronte á escaseza de cotas, o sector pesqueiro acumulou -como é sabido- dereitos de pesca baixo reparto que, por moi legal que parecese, resultou desigual e prexudicial para a maioría dos cerqueiros galegos.
O despezamento de unidades pesqueiras ou a adquisición destas -con importantes investimentos coa fin de acadar a estabilidade- non atopou a vía do equilibrio que se percuraba. A incerteza mantense teimuda, e da o mesmo ao sector cerqueiro ca o que queda da frota do Gran Sol, porque o que interesa é rendibilizar a actividade pesqueira de tal xeito que esta dea uns beneficios que, a día de hoxe, é unha misión imposible.
A situación fai ver unha agonía interminable e permanente para outros segmentos da frota como son os do palangre e a volanta.
A imposición das 87 zonas de veda no Atlántico para manter os fondos mariños é outra das causas desta problemática, que vai a pior se cavilamos nun futuro non lonxano no que os caladoiros tradicionais van ser ocupados polos eólicos mariños que impediran a pesca.



