
A artista galega Sabela (finalista de Operación Triunfo 2018), vén de confirmar que estará o vindeiro 1 de febreiro (sábado) na nosa comarca para ofrecer un concerto na sala A Pousada de Galiza Imaxinaria que rexenta Suso Santamaría en Boiro.
O concerto forma parte da xira de Sabela polas salas galegas, que chega ao seu remate neste arrinque de 2025 e que comezou o pasado 28 de setembro na Sala Ruído de Ferrol.
O concerto de Boiro dará comezo ás 22:30h. Baixo o nome de Hi, My Love Part, Sabela está inmersa nun percorrido por 9 salas nas que presentará o seu novo son e a súa nova música, pertencente ao EP que espera publicar neste mesmo ano. As entradas para o concerto de Boiro e o resto da xira pódense conseguir en sabelamusic.es e enterticket.es. Os últimos concertos da xira (logo do de Boiro) serán no Garufa Club da Coruña (o 8 de febreiro) e no Pub Gatos de Melide (o 15 de febreiro).
A artista galega chega a A Pousada da Galiza Imaxinaria despois de levar o seu directo a algunhas das grandes cidades de España. En 2024, a artista de Ourol tocou en grandes salas de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, León, Valladolid, Xaén, Salamanca, Logroño, Ponferrada, Palencia e Tafalla. Tamén foi a protagonista de festivais como o Festival do Pasatempo ou SonRías Baixas, así como de Galicia Escena PRO, a maior feira de artes escénicas de Galicia, cun concerto en Santiago de Compostela co que puxo fin á primeira parte da súa xira. Sumando as datas anunciadas, o tour de Sabela escala a 25 presentacións en vivo.
En Boiro, Sabela presentará os seus novos temas, entre os que se atopa Eu Espero Aquí. Unha proposta ambiciosa de levar o seu xa característico pop electrónico a un son máis internacional, pero mantendo ben presentes as súas raíces. Este sinxelo é o segundo adianto, tras Hi, My Love, do seu novo EP, que espera ver a luz proximamente.
Sábado, 1 de febreiro – BOIRO – A Pousada da Galiza Imaxinaria
Apertura de portas: 22:00 h.
Prezo: 12€ +gx anticipada / 16€ taquilla
Venda online: https://sabelamusic.es/conciertos/



