
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP Coroso, en Ribeira, para coñecer os proxectos que o centro está desenvolvendo en electromobilidade e biotecnoloxía no marco do programa de espazos de tecnoloxía aplicada impulsado pola Xunta de Galicia. Pérez destacou que esta iniciativa ten un “gran impacto para poñer a disposición do alumnado as últimas tecnoloxías e equipamentos presentes no tecido produtivo, abríndolles novas oportunidades laborais”.
O CIFP Coroso conta con dúas aulas especializadas financiadas pola Consellería con 110.000€. Unha delas, seleccionada na última convocatoria, leva por nome Aceleración Eco: Innovación en electromobilidade e céntrase en dotar aos estudantes de ferramentas avanzadas para o sector da automoción. Entre os seus equipamentos destacan simuladores de avarías en vehículos eléctricos, maquetas de vehículos híbridos e dispositivos de realidade virtual e aumentada. Segundo explicou a directora xeral, esta aula prepara ao alumnado para afrontar a transición tecnolóxica que está a experimentar o sector.
A outra aula está dedicada á biotecnoloxía para a industria alimentaria, un ámbito clave na comarca do Barbanza. Este espazo permite traballar no desenvolvemento de produtos innovadores e na mellora de procesos produtivos. Pérez salientou que “Galicia está a realizar un gran traballo de investigación nesta área”, que tamén forma parte das funcións do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros.
Durante a visita, a directora xeral tamén coñece os avances de dous proxectos premiados na última convocatoria de Premios de Innovación na FP. O proxecto CAROTALI busca producir beta-caroteno a través de lévedos modificados xeneticamente, mentres que o outro traballo consiste no deseño e fabricación dun banco de ensaio de amortecedores, permitindo dixitalizar a dinámica destas pezas. Estas iniciativas contan cun apoio de máis de 25.000€ da Xunta de Galicia.
Innovación en 80 espazos por toda Galicia
O programa de espazos de tecnoloxía aplicada ten como obxectivo transformar as aulas tradicionais da FP en contornas que simulen espazos laborais reais, incorporando recursos tecnolóxicos como simuladores e xemelgos dixitais. Estas aulas están vinculadas ás diferentes familias profesionais da FP galega, achegando o alumnado á realidade produtiva dos sectores máis relevantes.
Cada proxecto recibe un financiamento de 55.000€. Actualmente, o sistema educativo galego conta con 80 espazos de tecnoloxía aplicada, dos cales 54 están en centros pertencentes á Rede galega de Centros Integrados de FP.



