Muros vén de acadar unha importante distinción por unha nova iniciativa de lecer que pon en valor as súas riquezas patrimoniais, paisaxísticas e ambientais. Trátase da Senda dos Petróglifos, impulsada pola Área de Medio Ambiente do Concello de Muros e que acadou o distintivo Sendeiro Azul da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), entidade encargada tamén das bandeiras azuis.
“Estamos moi satisfeitas por obter esta distinción para unha senda redeseñada recentemente”, asegurou a alcaldesa de Muros, María Lago. “Aproveitamos camiños existentes, adecuámolos e sinalizámolos para a veciñanza e os que nos visitan”, engadiu.
“Unha vez outorgado este recoñecemento, nos vindeiros meses estará lista a nova sinalización da senda e faremos unha presentación oficial”, explicou a alcaldesa.
A Senda dos Petróglifos cruza as parroquias de Louro, Muros e Serres, e dous dos petróglifos máis senlleiros do concello, que son A Laxe das Rodas, en Louro (na imaxe) e A Cova da Bruxa (Serres).
“A ruta conta cunha diversidade natural privilexiada, con diferentes hábitats animais e especies protexidas”, explicou María Lago, destacando “a importancia dunha iniciativa medioambiental que pon en valor o noso patrimonio natural e histórico”.
ADEAC resalta “o compromiso do Concello de Muros na recuperación dunha ruta que promove a educación ambiental e o disfrute sostible da natureza”.




