
Este 17 de xaneiro vai recalar en Rianxo, no Auditorio Municipal, unha exposición que rende unha nova homenaxe ao ilustrador, debuxante, político, escritor e intelectual rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, poñendo o foco na parte da súa creatividade que empregou para plasmar as diferentes tipoloxías masculinas do seu tempo. Trátase da exposición Os homes, de Castelao na colección Roberto Taboada, encadrada nas celebracións do Ano Castelao impulsadas polo Concello de Rianxo e outras entidades.
A mostra, que xa puidemos ver no Museo do Gravado de Artes (co-organizador da actividade a través da súa fundación), exhibe os traballos do rianxeiro publicados no xornal vigués Galicia durante o ano 1925 e logo utilizados na publicación Cincoenta homes por dez reás (1930). Por primeira vez poderanse ver as 68 pranchas de cinc orixinais utilizadas na prelo da publicación acompañadas polas publicacións orixinais do xornal Galicia. Amais, exponse unha pequena mostra de distintas edicións do volume Cincoenta homes por dez reás.
A exposición pode contemplarse até o 8 de febreiro na Sala de Exposicións do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo co seguinte horario: mañás de luns a venres de 10:30 a 14:45; e tardes de xoves, venres e sábados de 18:00 a 20:00 horas. Domingos e festivos pechado.
Acto de apertura o venres 17 de xaneiro ás 20:30 h, na Sala de Exposicións do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo. Intervirán Roberto Taboada (coleccionista), Pastor Rodríguez Santamaría (Director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital) e Julián Bustelo (alcalde de Rianxo).
Colaboran na edición do catálogo o Concello de Rianxo e o Concello de Ribeira.



