
Así, a partir do 22 de xaneiro e ata o 20 de febreiro.
A medida afectará a todos os barcos de pesca de máis de oito metros de eslora, incluídos os de bandeira de Francia. É o resultado dunha dura negociación pola que a Unión Europea pacta as cotas de pesca do Mediterráneo e o Atlántico para este ano 2025.
O Consello de Estado de Francia ratificou a necesidade de prohibir a pesca durante catro semanas en inverno para os barcos de máis de oito metros de eslora no caladoiro do Golfo de Biscaia, sen as derrogacións inicialmente autorizadas polo Goberno, e repetindo as medidas que xa aplicara o ano pasado e que, obviamente, afectan unha outra vez aos barcos españois
que, como xa queda dito, tampouco poderán pescar en augas francesas durante as devanditas catro semanas.
No ditame publicado polo órgano contencioso administrativo ao que recorreran asociacións de defensa do medio ambiente, establece que a veda de catro semanas na citada zona de pesca e para o tipo de embarcación sinalado, é unha medida “adaptada” para a protección dos golfiños e das toniñas.
Desbota o Consello de Estado francés a posibilidade de alongar no tempo esta prohibición ou estender a mesma a outros segmentos máis pequenos das frotas, mais sí pide que se engadan redes peláxicas aos instrumentos de captura que non se poderán utilizar (por non dicir nidiamente que quedan prohibidas).
Son estas as mesmas redes que constan na medida adoptada pola Comisión Europea para impedir que os pesqueiros de máis dimensións, franceses ou doutras nacionalidades (principalmente españois, na práctica) faenen en augas do Golfo de Biscaia durante os días establecidos dos meses de xaneiro e febreiro deste ano.
Para aplicar ese ditame, o Ministerio francés do Mar prevé dende o pasado mes de outubro de 2023, limitar as capturas accidentais de pequenos cetáceos toda vez que as observacións científicas feitas no inverno de 2024 poñen en evidencia “unha caída significativa da mortalidade dos pequenos cetáceos por captura accidental”.



