Cultura da Deputación convoca o III Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia

23 Decembro 2024

O departamento de Cultura da Deputación renova a aposta por unha das liñas de traballo estrela da súa programación, o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, que chega en 2025 á súa terceira edición para, en palabras da entidade provincial, “seguir contribuíndo á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galicia”. Así, entre o 10 de xaneiro e o 11 de febreiro do ano que vén estará aberto o prazo de presentación de proxectos, dos que se escollerán os quince mellores, polos vinte premiados en 2021 e 2023. Mantense a dotación do Fondo: 200.000 euros, repartidos agora deste xeito: 20.000 € para cada un dos tres mellor puntuados, 14.000 € para os cinco seguintes e 10.000 € para os sete restantes.

Nesta terceira edición o certame poñerá o foco en dous ámbitos de contido: o primeiro, os proxectos centrados na posta en valor patrimonial, turístico e socioeducativo do pasado medieval de lugares, vilas e cidades da provincia da Coruña, a través da actualización do seu relato histórico contextualizado no marco do Reino de Galicia; o segundo, os proxectos centrados na difusión e posta en valor de figuras concretas do noso pasado medieval.

Só se poderán presentar ao certame propostas que se vaian desenvolver do 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2025, e sempre na provincia da Coruña.

“Con esta convocatoria, damos un terceiro paso, e non pequeno, para combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval de Galicia”, explicou a deputada de Cultura, Natividade González.

Para González, figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou Don García, a revolta burguesa das Irmandades contra o poder feudal dos señores ou a propia existencia na actual Catedral de Santiago dun Panteón Real “son algúns dos moitos elementos que nos interpelan aínda hoxe como sociedade, á espera de por medio deles podérmonos coñecer, recoñecer e interpretar de maneira máis consciente e rigorosa, á marxe de caricaturas ou paradigmas instalados durante séculos”.

Os proxectos presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica SUBTEL.

As bases da convocatoria poden consultarse e descargarse no BOP do 20 de decembro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.