
Vai anos, falando no porto da Coruña cun dos medio cento de rapaces do Courel que as autoridades educativas desprazaran a esta cidade para ver de preto o mar, dicíame que eles, malia contemplar -de lonxe- o tren, nunca “na vida” viaxaran en ferrocarril. E como estabamos a falar á beira do mar aproveitei para coñecer a opinión do cativo a respecto do que era o mar.
No peirao de Méndez Núñez, o rapaz ollaba ao meu carón a ría da Coruña. Daba a impresión de que calculaba a distancia existente entre a costa de Mera (Oleiros) e o porto coruñés. Matinou uns minutos e respostou sen dúbidas: “O mar é un rego moi grande”.
Un rego moi grande, engado, que imos estreitando ás alancadas ao tempo que a Natureza se encarga de amplialo derretendo as zonas árticas e antárticas, de xeito inmisericorde.
Nestas estaba hoxe, matinando na importancia que o mar ten para nós no tempo actual. E as cifras, os datos, son teimudos: a sociedade deste tempo non pode prescindir do mar. Mais o mar, por culpa do quecemento do planeta, cada día medra uns centímetros grazas, en calquera caso, á acción humana.
Datos:
Corenta e seis portos son xestionados en España por vinte e oito Autoridades Portuarias que conforman a realidade económica do que sjgnifica para o Estado español o transporte marítimo do que se encargan, directa ou indirectamente, unha trintena de capitanías marítimas con 78 Distritos Marítimos. Todo esto, nos 5.978 quilómetros de costa, que dan clara resposta ao tentar falar do potencial marítimo español no que ten que ver co tráfico de mercadorías e pasaxeiros: preto de 600 millóns de toneladas e case que 20 millóns de pasaxeiros.
Nos portos de competencia autonómica é evidente o descenso na xestión de buques: arredor de 3.200 no ano que estamos a rematar, pouco máis do 1,5% nas operacións totais dos portos españois, se ben incrementan o número de GT atendidos. O tamaño medio dos buques despachados é menor que o dos buques que xestionan as Autoridades Portuarias debido, en boa medida, a que os portos autonómicos dispoñen, en xeral, dunhas infraestruturas menos aptas para xestionaren buques de gran porte.


