O Concello de Boiro celebra o vindeiro sábado 21 de decembro a III Gala da Cultura Solidaria, impulsada por The Cuncas e que conta coa colaboración de Cáritas, Cruz Vermella e Turbina, así como de todos os artistas participantes. A concelleira de cultura, María Outeiral, participou este luns 16 de decembro na presentación das actividades xunto con Juan Pérez, representante de The Cuncas, e Elias Romero, representante de Cáritas. Explicaron que a gala celebrarase o sábado a partir das 17.00 horas na Praza de Galicia. Contarase coa participación dun dúo da Escola de Música de Boiro, grupo Vértigo, DJ Geno, The Cuncas, Elisabet Lustes e DJ Matrek. Tamén participan no programa de actividades o grupo de voluntariado Turbina que farán unha chocolatada, e unha exposición a cargo de Clásicos do Barbanza.
A entrada para participar será gratuíta pero farase unha recollida de alimentos e outros produtos de primeira necesidade para Cáritas e Cruz Vermella. Os produtos máis demandados son de hixiene e limpeza, alimentos non perecedoiros e de primeira necesidade como o leite, e tamén produtos relacionados cos almorzos.
A concelleira de Cultura, María Outeiral, animou a toda a veciñanza a achegarse nesa tarde á praza para desfrutar desta III edición da Gala da Cultura Solidaria: “Trátase dunha cita que ten a finalidade de ofrecer unha proposta lúdica e cultural durante o Nadal e tamén colaborar cun fin solidario para botar unha man ás familias que máis o precisan”.




