
O Programa Integrado de Emprego 2024-25 promovido polo Concello de Ribeira e subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, comezou a fase de captación de participantes. Segundo explicaron dende o Goberno local, este tipo de programas nacen co obxectivo da mellora da empregabilidade das 100 persoas participantes que teñen como requisito fundamental estar inscritas coma demandantes de emprego no momento da selección e residir nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Porto do Son. O programa ten un compromiso de inserción laboral do 35% das persoas participantes.
A través de actividades individuais (como sesións de información, orientación e asesoramento, elaboración do currículo, itinerario formativo e profesional, habilidades sociais, adestramentos en entrevistas) e grupais (como cursos de formación do catálogo do SEPE como poden ser manipulador de alimentos, condución de carretillas elevadoras, operacións básicas de caixa, técnicas administrativa, técnicas de venda en froitería, en peixería…) este ano preténdese achegar formación integral e práctica en sectores da administración, hostalería, cociña e comercio.
Ademais desta formación de catálogo terase en conta a formación transversal en inglés básico, informática, igualdade de oportunidades entre homes e mulleres ademais de técnicas de coaching emocional, técnicas de busca de emprego, fomento da capacidade emprendedora, etc.
O Concello de Ribeira destacou tamén que as persoas participantes terán a oportunidade de desfrutar dunhas prácticas profesionais non laborais nalgunha das empresas colaboradoras que servirá como ponte de cara a futuras contratacións. Amais, salientou o labor de prospección e de emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.
Como medio para o desenvolvemento de habilidades clave para o mercado laboral e a busca de emprego, adestrarase ás persoas participantes no uso de Internet como ferramenta de busca de información, no rexistro en portais de emprego, descarga de aplicacións e aproximación a redes sociais profesionais.
O programa promove a conciliación para facilitar a asistencia ás actividades, apostando pola flexibilidade e adaptación segundo as necesidades das persoas participantes. Ademais, achega dereito a bolsa de asistencia 10 euros por dia. As persoas interesadas poderán asistir a unha reunión informativa no concello de Porto do Son nas instalacións do Centro de Interpretación do Castro de Baroña o día 18 de decembro ás 10 da mañá e o día 19 de decembro no Concello da Pobra do Caramiñal na Casa da Mocidade (antigo Lagar) ás 10 da mañá.



